Como ven galegos e galegas a vacina de AstraZeneca?

Unha enquisa na que participaron máis de 300 persoas indica que o 41% cren que é segura, o 30,8% opinan o contrario e un 28,2% teñen dúbidas // “Non deberiamos de dubidar se pór unha ou outra, xa que o que importa é a saúde de todos” // “Se aos sanitarios lles poñen a de Pfizer, eu quero a mesma” // “Dáme medo que me produza unha trombose ou ictus por antecedentes familiares” // “Dá a sensación de usar os cidadáns como coellos de indias para beneficio das farmacéuticas. O negocio do século” // En Galicia prefiren Pfizer
Osián Barbeito

Máis de 300 persoas participaron nunha enquisa en elcorreogallego que indicou, como datos principais, que catro de cada dez cren que a vacina de AstraZeneca é segura, un 30,8% opina o contrario e un 28,2% ten dúbidas. Desde o inicio, o preparado anglosueco para a inmunización contra a COVID xerou diferentes modos de actuar por parte das administracións sanitarias dos países e provocou dúbidas nas cidadanías de todo o mundo. Primeiro foi limitado o seu uso a persoas de menos de 55 anos nalgúns países, entre eles España, por non ter datos suficientes de resultados nos grupos de máis idade. Despois estableceuse unha posible relación da vacina con episodios de trombose venosa central. Apareceron o medo e a prudencia. Case toda Europa deixou de usar esa vacina durante unhas semanas ata que a Axencia Europea do Medicamento lle deu vía libre ao vela segura e con beneficios moi superiores aos supostos riscos (aínda así non pode descartar definitivamente o vínculo). Ademais, os laboratorios que a producen empezaron a ter datos satisfactorios de eficacia en persoas maiores, polo que se ampliou o seu uso. Con todo, en Estados Unidos non viron a cousa clara, os expertos apuntaron que nos ensaios puideron incluírse informacións obsoletas. E volveron as dúbidas, aínda que o certo que a vacinación xa volve estar en marcha en Europa.

Os máis de 300 galegos e galegas que participaron na consulta de elcorreogallego (45,5% mulleres e 48,5% homes), todos eles de máis de 18 anos de idade, non se limitaron a valorar a seguridade do inxectable de AstraZeneca, tamén comentaron as súas seguridades, as súas inquietudes e as súas dúbidas, que van desde aspectos médicos a cuestións de pura economía por riba da saúde.


A FAVOR

De entrada, entre ese 41% de persoas que ven a vacina segura, algúns insisten en que queren inmunizarse de todos os xeitos e desexan un proceso masivo rápido: “vacinaríame con calquera canto antes”; “levo toda a vida vacinándome de gripe e de tétanos e as vacinas xamais me provocaron síntoma algún”; “creo que todas as vacinas son efectivas ante a COVID e non deberiamos de dubidar se pór unha ou outra, xa que o que importa é a saúde de todos e non se unha vacina é máis efectiva que outra”. Ou, “necesitamos algo que funcione rápido porque xa se perderon moitas vidas; fan falta moitos máis recursos para seguir investigando no canto de pagas vitalicias aos políticos. Algúns con matices: “aínda que non dubido da súa seguridade en xeral, é indubidable que debido á urxencia do momento están a obviarse algúns efectos secundarios”.


DESCONFIANZA POR “INFORMACIÓN ESCASA, IMPRECISA OU FALSA”

As decisións diferentes por países e as comunicacións xeradas e consumidas pola poboación tamén sementaron reaccións negativas. Na enquisa de elcorreogallego aluden a supostas informacións contradictorias e din, por exemplo: “a OMS debería ser máis seria, dan pena e iso confunde moito”; “esta vacina sempre estivo rodeada de polémica e non me ofrece seguridade, por moito que saian os expertos apoiando a AstraZeneca”; “méntennos cada día, incluso os científicos, uns din unha cousa e outros outra. A quen crer?”; “non se poñen de acordo”; “necesito máis informacion e que empecen por poñela os nosos dirixentes”; “en principio parece segura, pero os fortes efectos secundarios e a paralización do seu uso por certos países, ademais do bombo dado a algunhas posibles reaccións adversas letais, xéranme certas dúbidas”.

Hai quen alude directamente á mentira: “os ensaios clínicos mentiron”; “penso que as mortes despois da vacina foron ocasionadas ou están vinculadas a esa vacina, pero non lles interesa confirmalo por todo o balbordo que produciría”; “creo que habendo outras opcións, como a chinesa ou a rusa, ou a de Janssen... deberan de incorporarse antes de impor a vacinación cunha que xa xerou dúbidas de seguridade”; “dubido de todas as vacinas, non houbo tempo para tratalas. É unha completa improvisación”; “Se aos sanitarios lles poñen a vacina de Pfizer, eu quero a mesma.”


TEMOR A POSIBLES PROBLEMAS DE COAGULACIÓN E TROMBOS

Como cabía esperar, un bo grupo de galegos e galegas expresaron o seu temor aos posibles efectos trombóticos: “non debería administrarse a persoas de risco de sufrir trombos”; “son unha muller de 49 anos, con dúas tromboses venosas profundas na mesma perna e con tratamento con Sintrom, e polas informacións que se están vendo, non estou segura de querer porme esta vacina. Poríame outra sen tantas dúbidas”; “non está clara a súa relación cos trombos”; “son enfermo crónico e non me dá confianza”; “creo que a porcentaxe de casos é pequeno (refírese aos casos de tromboses venosa) e que se está magnificando, pero xera dúbidas saber que te pode tocar”; “demasiados efectos secundarios, á parte das tromboses”; “son unha persoa con diabetes e hipertensión e o dos coágulos preocúpame”; “Creo que esa vacina producirá os coágulos na xente; non se trata dun lote só, senón que é toda a vacina en si. Creo que nos queren vacinar con esta vacina a todos os que estamos en idade de prejubilacion, ou xubilación por enfermidade, para eliminar secuelas. Tamén me gustaría saber se unha persoa que toma anticoagulantes pode pór esa vacina. A min dixéronme que non”; “hai persoas que sofren moitos efectos secundarios graves durante moito tempo”; “dáme medo que me produza trombose ou ictus por antecedentes familiares”; “creo que produce trombos, de feito os países nórdicos non volveron prescribila”; “creo que deberían retirala”; “todos os casos suceden con esta vacina, na miña opinión non está suficientemente testada e se debe mellorar. Aínda que o risco sexa mínimo haino, e iso resta seguridade”; “coñezo moitos casos de febres moi altas (39-40), temo desmaiarme, vivo só, ninguén poderá atenderme se non logro chamar por teléfono. Tamén souben de efectos secundarios que se prolongan durante semanas (dores, reacciones tipo alérxico, taquicardias...)”.


ECONOMÍA E URXENCIA. DUBIDAN DO SISTEMA

Finalmente, o aspecto monetario e a suposta predominancia dos intereses económicos sobre a saúde tamén estivo presente nos resultados da enquisa de elcorreogallego. “Calquera destas vacinas poden facer reacción negativa. Foi un estudo exhaustivo pero con pouca marxe dunha boa comprobación. A loita das farmacéuticas”; “o barato sempre sae caro”; “prevalece o económico sobre a saúde”; “talvez por necesidade sacouse ao mercado prematuramente”; “o ensaio clínico somos nós, é a máis barata e a súa composición contén adenovirus de chimpancé, segundo o mesmo prospecto”; “que facemos?, para eles somos un numero, ou sobe ou baixa as estatísticas de mortos ou salvados”; “a xestión das vacinas na Unión Europea foi desastrosa. Hai máis vacunas, pero empeñáronse en impor a que máis efectos secundarios ten. Investiron moitos millóns e agora non queren perdelos”; “na industria Farmaceutica hai moita competencia e moita envexa non se fala dos efectos secundarios doutras vacinas”; “dá a sensación de usar os cidadáns como coellos de indias para beneficio das farmacéuticas. O negocio do século”;”os medios de comunicación tedes unha responsabilidade enorme na opinión da cidadanía e creo que non se está exercendo correctamente. É vergoñoso”.


EFECTOS SECUNDARIOS

Unha das preguntas da enquisa aludía aos efectos secundarios no caso que a persoa xa recibira a vacina. Contestaron que puxeron xa este preparado un 9% dos máis de 300 participantes, e comentaron que sufriron “malestar xeral, calafríos e cansazo”;

“dor leve de cabeza, calafríos, esgotamento e febrícula”; “cansazo”; “unha gripe de horas”; “dor de cabeza, mareo, debilidade”; “malestar, febrícula”. Unha das persoas declara que non sufriu efectos secundarios trala vacina.


QUE VACINA PREFIREN?

Entre as tres vacinas que se administran na actualidade en España, en Galicia as preferencias quedan claras, mellor Pfizer (78% dos consultados escóllena), seguida da de AstraZeneca (11,5%) e Moderna (10,5%). Algúns inciden en que non queren ningunha delas nin doutras: “non me poría ningunha xa que non son vacinas, son terapias xénicas experimentais nunca probadas en humanos, actualmente non hai ningunha vacina aprobada”; “prefiro non vacinarme xa que a COVID está demostrado que é unha falsa pandemia de PCR positivos. Non se pode facer un test con alta sensibilidade con tan baixa prevalencia. É unha tomadura de pelo”; “realmente preferiría non vacinarme, polo menos cunhas vacinas das que se sabe tan pouco”.