Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ames chama a previr os abandonos e divulga fotos das mascotas a adoptar

Conmemorou o Día dos Animais sen Fogar, e lembra a importancia de poñerlles microchip

A Maía. Como cada terceiro sábado de agosto, Ames conmemorou o Día dos Animais sen Fogar "para recordar o gran número de mascotas que non teñen fogar á espera de ser adoptados", apuntan dende o Concello, lembrando que traballan co refuxio de Cambados "para que preste o servizo de recollida de animais que están abandonados ou perdidos".

Do mesmo xeito, explican que os que son atopados na rúa e que están no citado complexo cambadés poden ser adoptados por calquera familia que queira facerse cargo dos seus coidados, ofrecendo imaxes na web municipal das mascotas que agardan dono, dentro do apartado de Medio Ambiente. Neste álbum figuran cans, pero tamén gatos, de distintas idades, atopados nas dúas urbes, ademais de no rural deste municipio.

A xuízo dos técnicos locais, "a esterilización e a tenza responsable son claves para erradicar o incremento deste casos, polo que é importante que como posuidores das nosas mascotas procedamos a esterilizalas para evitar a superpoboación incontrolada, e tamén as teñamos identificadas mediante a implantación de microchip", un pequeno dispositivo que apenas custa 35 euros.

O Concello amesán xa ten realizado con anterioridade campañas, en colaboración coas clínicas veterinarias da localidade, para fomentar a implantación deses sistemas.

Tamén apostou por eliminar o sacrificio e por establecer un método complementario de adopción con campañas de sensibilización entre a cidadanía.

Ademais, a administración local está dando debido cumprimento á nova Lei de Protección de Animais Domésticos de Galicia, do ano 2018.

17 ago 2019 / 22:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito