Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

'Bótame un capio' é a nova App para recuperar léxico da Ulla

Naceu no CPI de Vedra para ir recompilando palabras que usan os maiores e que os mozos descoñecen // Aparecen rexistrados termos como 'chanfanetas' ou 'langharillas' // Está dirixida aos alumnos de ESO do centro

Dende o curso 2015-16 o CPI de Vedra vén desenvolvendo o programa Vedra Medra, un proxecto co que os alumnos traballan a toponimia e coñecen a parroquia con visitas didácticas. Agora, para seguir profundando nesta dimensión patrimonial, o centro presenta unha App que leva por nome Bótame un capio e que ve a luz grazas ao traballo de Xulia Marqués, profesora de Lingua Galega do CPI, e José Mejuto, informático e pai de dous alumnos.

Xulia explicou que esta aplicación nace coa finalidade "de recuperar vocabulario que xa non coñecen as novas xeracións, pero que si está vivo entre a xente de máis idade". É unha clara aposta por recuperar a terminoloxía ligada á vida tradicional de Vedra e A Ulla. Segundo a docente, convértese nun complemento do programa de innovación educativa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, que promoven a Consellería de Educación e o ILG, e no que os estudantes participaron este curso. "Recolleron léxico patrimonial con cadernos de campo e centráronse en catro ámbitos: os xogos e xoguetes, o pan, o viño e a vendima e o porco e os embutidos", apuntou.

"Con esta actividade fomos decatándonos de que había termos que sabían os avós e avoas vedreses pero que eles nin escoitaran nin utilizaban; e deste xeito tiñamos a oportunidade de recompilalos e telos á man", explicou.

Con esta ferramenta, que está dirixida principalmente ao estudantado de Secundaria, os mozos poden consultar o significado de todas as palabras que escoiten pola zona e das que descoñezan o significado. "Se non aparecen refrexadas no DRAG eles mesmos se encargan de introducila, incorporando co termo novo a acepción, o contexto, a categoría gramatical, os datos do informante e o punto en que se recolleu", indicou ó respecto.

En definitiva, van construíndo entre todos un diccionario propio para evitar que se esquezan todos os vocablos propios da zona e que agora a vida moderna desbota, e que, por tanto, estarían condeados ao esquecemento.

Aparecen rexistrados termos tan singulares como chanfanetas (que designa a alguén chafalleiro), langharillas (unha persoa despreocupada) ou petirrar (que se usa cando pelexan e discuten os cativos). Tamén contempla quelas que si se coñecen, pero que na contorna teñen unha acepción engadida. É o caso, por exemplo de pastel, que usan para designar a alguén cunha saúde delicada, ou baile, co que se coñece ao campo da festa. Explicou tamén o sentido do nome da iniciativa. "Hoxe no concello nin capio nin bótame un capio se usan, pero noutrora, designábase así o extremo máis groso dun vimbio que se retorce na parte delgada para atar a viña e, a expresión co verbo, é unha demanda de axuda".

areadecompostela@elcorreogallego.es

{ A OLLADA }

Conservar a cultura

É DE ADMIRAR o labor de persoas como Xulia Marqués, que máis aló de desempeñar o seu traballo, senten asemade auténtica devoción polo que fan. Leva anos espertando entre os seus alumnos o interese polo vocabulario local, por coñecer todas esas palabras que os seus avós seguen empregando, pero que non forman parte da linguaxe actual. Con proxectos coma este, logrou ademais unir esa tarefa de recompilación coas novas tecnoloxías, posto que acceden á aplicación a través dos seus teléfonos móbiles ou cos equipos do colexio, algo que o fai máis interesante para os novos. Asimesmo, convida a conversar cos nosos maiores. Gran proxecto.

A PROTAGONISTA

Xulia Marqués

Profesora do CPI de Vedra "XA NON SE FALA TANTO COS MAIORES"

"A tarefa de recompilación na que agora profundamos xorde para contrarrestar a situación de vulnerabilidade en que se atopa moito vocabulario tradicional debido ao seu modo de transmisión, que é a vía oral, e ao desarraigamento da súa dimensión práctica", explicou a profesora Xulia Marqués. E é que "hai moitas palabras que deixan de usarse porque actualmente a vida é moi distinta e hai centos de termos que aluden a actividades que hoxe os mozos descoñecen e que, polo tanto, quedan no olvido", engade. "Outro dos motivos deste esquecemento é que xa non se fala cos maiores coma antes; xa nonson ese referente que eran", di.

15 jun 2019 / 22:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito