Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Campaña para axudar a conservar as andoriñas e cirrios en Ames

A Aula da Natureza proponlle aos veciños elaborar debuxos ou cadernos de campo

A Aula da Natureza de Ames vén de lanzar unha campaña para axudar á conservación das andoriñas e cirrios. Según explican dende o Concello, a pesar que as andoriñas sempre foron unhas aves moi queridas nas nosas casas “nos últimos tempos estanse dando casos moi importantes de destrución dos seus niños, sobre todo coa desculpa de que ensucian”. Unha terrible situación que fai que estas aves estén en retroceso no noso país.

En Ames hai constancia e rexistros de aniñado tanto de andoriñas comúns, como de andoriñas de cu branco e de cirrios comúns. E é por isoque o goberno local, en colaboración coa Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO Pontevedra), queren dar a coñecer estas aves para poder conservalas a través dunha campaña. Dita iniciativa consiste en elaborar debuxos, apuntes, cadernos de campo ou fotografías destas especies e mandalos á Aula para ir aumentando entre todos os coñecementos das mesmas e axudar así á súa conservación.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, anima “aos veciños e veciñas de Ames, especialmente aos máis pequenos, a que dende a súa ventá, balcón ou nos pequenos paseos que están autorizados, se sumen a esta campaña”. Para participar hai que inscribirse no enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal e enviar as observacións ou fotos ao correo auladanatureza@concellodeames.gal ou por Whatsapp ao número 660 004 665.

Dende o Concello indican que tamén se pode usar como caderno de campo electrónico a aplicación gratuíta eBird “e contribuír cos datos a facer ciencia cidadá, igual que miles de persoas en todo o mundo”. As observacións ou fotos tamén hai opción de envialas a través da aplicación eBird poñendo en comentarios a lista: Andoriñas desde Ames, apuntan fontes municipais.

25 abr 2020 / 21:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito