Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

'Cen traxes do Val do Ulla', todo un arquivo cultural

Francisco Collantes e José Luis Rodríguez reuniron durante dez anos as prendas antigas usadas en Vedra e A Estrada // O traballo recolle unha completa ficha de cada unha // Obtiveron un dos galardóns do premio Antonio Fraguas

Foi case unha década de investigación resumida nun volume que acaba de ser presentado en Ponte Ulla e que se poderá adquirir moi pronto nas librarías. Trátase de Cen pezas do traxe do Val do Ulla, do que son autores Francisco Collantes e José Luis Rodríguez, e que supón un verdadeiro arquivo dos traxes antigos que se empregaban a ambas marxes do río Ulla, nos concellos da Estrada e Vedra.

"Esta obra xurdiu como unha especie de arquivo no que ir catalogando as prendas para que non se perdan", explicou Francisco Collantes. Durante case dez anos adicáronse a percorrer casa por casa para pedirlles aos veciños que lles amosasen os traxes que conservaban. "Foi un traballo moi complicado, e tardamos moito porque algunha xente non estaba disposta a ensinarnos as vestimentas", indica o autor, "e outros, despois de estar nas casas chamábannos para decirnos que atoparan máis e tíñamos que volver". Pero todo traballo ten a súa recompensa, e "agora estamos moi contentos, porque cada vez hai menos trabas para acceder ás pezas". De feito, indicou, non descartan seguir ampliando o estudo a outras parroquias.

Os amantes do atavío tradicional atoparán nas páxinas deste volume unha verdadeira reliquia. "Moitas das pezas que recollemos estaban en bolsas, e posiblemente hoxe xa non existan por falta de conservación ou porque se perderon", asegurou Francisco. Son case un cento os traxes os que foron obxecto de estudo, e de cada un deles os elaboraron unha ficha, acompañada cunha fotografía, na que se explica o estado de conservación, a cronoloxía, as medidas e incluso os patróns para poder confeccionala.

Este corpus recolle traxes que datan dende o século XIX e ata o XXI. "Compartimos a idea de que a importancia da vestimenta como tradición infunde ás comunidades ás que pertence un sentimento de identidade e de continuidade", indican. "O que atopamos nesta comarca son, na súa meirande parte, pezas soltas de traxes de garda e tamén algún traxe completo", sinalan. "As poucas pezas de uso cotiá que chegaron a nós, son escasas e atópanse en mal estado, xa que, como todos sabemos, a súa reutilización fixo que a meirande parte destas prendas e atavíos fosen desaparecendo das casas". Respecto das posibles semellanzas ou diferenzas entre as vestimentas atopadas na Estrada e Vedra, concluiron que "son moi semellantes en canto a cortes, feituras e confección, o que nos fai pensar que as prendas base da vestimenta son iguais na maior parte do territorio", explicaron. Aclararon tamén que no traballo non aparecen os nomes das familias que as doaron "para non ser molestadas por xentes que xa no pasado tentaron facerse coas mesmas pezas".

Cen pezas do traxe do Val do Ulla obtivo un dos galardóns do XXIV Premios Antonio Fraguas de Investigación do Traxe Galego, organizados polo Concello de Santiago e pola Asociación do Traxe Galego. Este galardón foille outorgado polo minucioso traballo descriptivo que fixeron de cada unha das cen pezas que alberga o volume.

18 ene 2020 / 21:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito