El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Mar Marcos analizou en Boiro as orixes e a evolución das relixións

Ante case 300 persoas, a catedrática cántabra de Historia Antiga abriu o foro arqueolóxico

Ramón Fábregas e María del Mar Marcos, que ofreceu a conferencia inaugural - FOTO: Suso Souto
Ramón Fábregas e María del Mar Marcos, que ofreceu a conferencia inaugural - FOTO: Suso Souto

SUSO SOUTO BOIRO   | 17.02.2019 
A- A+

Case 300 persoas asisten esta fin de semana na casa da cultura de Boiro ó XIII Encontro Arqueolóxico do Barbanza, que onte inauguraron o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e o alcalde, Juan José Dieste.

O representante do Goberno autonómico destacou que o municipio "é xa un referente peninsular neste eido" e eloxiou "a implicación da mocidade" nas escavacións que se están facendo na Serra do Barbanza. Pola súa banda, o rexedor lembrou que, mesmo en época de crise económica, optouse por manter e reforzar o foro.

A primeira conferencia correu a cargo de María del Mar Marcos Sánchez, catedrática de Historia Antiga da Universidade de Cantabria, que leva anos investigando as orixes, a evolución e o mercado das relixións no mundo greco-romano. Sinalou que "os conflitos relixiosos da antigüidade ensinan moito sobre os do presente". Tras suliñar que Roma "era un pobo moi guerreiro no que a vitoria non podía obterse sen axuda dos deuses", destacou que esa relación "interesada" explica os cultos e que "ese sentimento utilitarista das crenzas vennos do mundo antigo".

Complementando as súas reflexións con exemplos de restos arqueolóxicos, analizou como o culto ás divinidades se facía en varios niveis (de estado, de etnias, de familias, de profesións e de xeito persoal).

Tamén puxo o acento nos factores que marcaron o éxito da expansión do cristianismo, como a promesa da resurrección, ademais das súas características (o monoteísmo, a belixerancia contra os paganos, os herexes e os xudeus, ou a súa condición de exclusividade), o que se traduciu, por exemplo, na ocupación de templos antigos.

Na apertura das xornadas participaron asimesmo a edil de Cultura, Helena Teixeira; o xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta, Roberto Pena; e o coordinador científico das mesmas, Ramón Fábregas. Hoxe intervirán Carmen del Arco Aguilar (ás 10.00 horas), sobre o taller de púrpura da illa de Lobos; Juan Gibaja, Niccolo Mazzucco, Mario Mineo e María Eulalia Subira (ás 11.15 horas), sobre as rutas do Neolítico; e Carlos Fernández Rodríguez (ás 12.45 horas), sobre as faunas arqueolóxicas no noroeste da península.

O domingo 24, ás 11.15 horas, falará Michael Barton, profesor da Universidade de Arizona, un dos mellores especialistas de EEUU no uso das máis modernas tecnoloxías no seu eido científico (cartografía dixital, simulacións, etc.).