Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Obradoiros e murais a favor da igualdade

Carnota continúa hoxe coas actividades no marco da súa campaña contra a violencia

O Concello de Carnota segue a traballar na campaña de prevención e de sensibilización contra as violencias machistas Súmate á Igualdade (+=!). Así, durante este mes coordinaranse diferentes actividades dirixidas a mulleres, a familias, a crianzas e a toda a veciñanza de xeito xeral.

As iniciativas continúan hoxe, día 21, co obradoiro Cóidome, no que tratarán o autocoñecemento para o fortalecemento persoal. Dirixido ás mulleres, terá lugar na Casa da Mariñeira de 18.00 a 20.00 horas.

Xa mañá, o público infantil e familiar poderá desfrutar do espectáculo de narración oral e música ao vivo a cargo da Tropa de Trapo. A compañía presentará Contos de nenas grandes e pequenas no salón de plenos do Concello a partir das 17.30 horas.

As actividades previstas para este mes concluirán cun taller de arte urbana feminista Elas, muralistas. Segundo sinalaron dende o departamento de Servizos Sociais, está dirixido a mozos e mozas a partir de 13 anos e trátase dun "espazo de creación dun mural comunitario". O obradoiro, fixado para o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, desenvolverase no pavillón municipal ás 16.00 horas.

Por outra banda, o Concello de Noia está a desenvolver obradoiros en igualdade e prevención de violencia de xénero para o alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de FP Básica nos distintos centros educativos do municipio.

Mentres, en Porto do Son onte arrancou a campaña para a animación á lectura en valores no CEIP de Seráns e Nebra e nas escolas de Carballosa, Caamaño e Queiruga. Continuará o día 30 de xaneiro no colexio Santa Irene, o 6 de marzo no de Xuño e o 27 de abril no de Portosín.

20 nov 2019 / 21:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito