Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
María José Pose // ALCALDESA DE SANTA COMBA

“As políticas de conciliación son necesarias para que haxa un equilibrio xusto entre homes e mulleres”

Existe unha conciencia xeneralizada de que estamos a vivir a era da presenza feminina na política e noutros centros de poder. Está de acordo?

Eu creo no mérito das persoas. Pero é evidente que a muller ten valía para asumir calquera responsabilidade, i é certo que cada vez somos máis as que damos ese paso. Penso tamén que a presenza da muller nas esferas políticas e nos centros de poder e toma de decisións é necesaria porque aportamos ao mundo outro punto de vista complementario e útil para o bo desenvolvemento da sociedade.

Hai queixas fundadas sobre os problemas de conciliación familiar e flexibilidade no traballo...

É certo que neste aspecto mellorouse pero hai que seguir avanzando para que non haxa desigualdades e que ser muller e ser nai non sexa un obstáculo para desenvolver unha profesión. As sociedades deben avanzar en políticas de conciliación, necesarias para que a Humanidade avance correctamente e necesarias para que haxa un equilibrio xusto entre homes e mulleres.

En que orde de preferencia situaría familia, política, estudo, relevancia social ou amigos?

Familia, amigos, política, estudo e relevancia social, sen dúbida

Unha enquisa sinala que os mozos vivirán peor que os seus pais...

Falamos de distintos escenarios e distintas condicións. E certo que os estudios estannos a dicir que temos diante a primeira xeración que está a vivir economicamente peor que os seus país e esta alerta debémola ter en conta: hai unha elevada taxa de paro xuvenil e soldos máis baixos. Nas nosas man está resolver esa desigualdade e fomentar a solidariedade interxeracional.

Que se pode facer nun mundo tan desigual?

Volver a recuperar os valores éticos e ser solidarios. Todos debemos ter en conta que este desequilibrio debe resolverse con políticas adecuadas que miren ao futuro cunha visión ampla e non cortoplacista.

É sustentable un sistema tan discriminatorio?

A nosa misión é traballar para fomentar a convivencia e que poidamos vivir nunha sociedade o máis xusta posible.

Sentímonos manipulados e controlados polo que Orwell cualificou de "Gran irmán". Hai solución?

Moitos problemas de exposición pública dependen de nós, por exemplo, nas redes sociais. Os gobernos teñen que protexer tamén a intimidade das persoas.

A irrupción da extrema dereita influirá nas eleccións municipais?

No caso de Santa Comba non se contempla a participación de ningún partido de extrema dereita

O caso catalán e as súas derivacións en toda España poden influír no resultado dos próximos comicios?

O caso catalán demostra a irresponsabilidade dos políticos independentistas e tamén a falta de coherencia do Partido Socialista. Podería ser un exemplo para todos nós.

Coas municipais a tiro de pedra, que lle faltou por facer no concello nesta lexislatura?

Fixemos moitas cousas pero quedounos algún proxecto como o do Centro de Día, que será realidade nun futuro non moi lonxano.

Cales foron os obstáculos máis serios que tivo que superar?

Sempre hai obstáculos pero a súa superación é tamén unha aprendizaxe. Ter a responsabilidade de ser a alcaldesa nun concello que estivo paralizado durante un ano non é doado e tivemos que traballar arreo para reconducir a situación.

Cre que en Galicia vivimos nun país fermoso e envexable ou que nos queda aínda moito por mellorar para estar ao nivel doutras autonomías?

Galicia é unha terra fermosa e chea de recursos. Ademais e grazas ao traballo do actual goberno do presidente Feijóo está sendo punteira en moitos aspectos.

Se repetise alcaldía, cal sería a súa folla de ruta para o próximos catro anos?

Gustaríame poder rematar o ambicioso proxecto que teño para o noso concello. Santa Comba mellora pero necesita un impulso máis. E coa confianza maioritaria dos meus veciños imos a facer un concello mellor. Melloramos en tódalas áreas pero agora é o momento de humanizar rúas, completar servizos, ampliar as instalacións deportivas, aproveitar toda a nosa potencialidade turística, crear posibilidades de emprego, seguir pendentes dos nosos maiores e nosos mozos. Se os veciños confían en min, serán catro anos nos que Santa Comba marcará a diferencia.

Cal é o mellor consello que recibiu na súa vida e de quen?

Meus pais aconselláronme sempre traballar para conseguir as cousas e tratar con respecto ás persoas. Como dicía Churchill, "El esfuerzo constante, no la fuerza o la inteligencia, es la clave para liberar nuestro potencial".

Ver vídeo en: www.correotv.es

Nas eleccións municipais de 2011 foi elixida concelleira de Santa Comba polo PPdeG e primeira tenente de alcalde. En novembro de 2014 dimitiu o alcalde Antonio Landeira e Pose foi elixida alcaldesa, mantendo así a alcaldía o PP cos votos a favor de Independientes por Santa Comba. Nas municipais de 2015 encabezou a candidatura do PPdeG que, neste caso, o seu grupo non obtivo a maioría suficiente para gobernar. En maio de 2016 o Partido Popular e Terra Galega presentaron unha moción de censura ao alcalde socialista José Antonio Ucha Velo trala que Pose foi nomeada de novo alcaldesa

SANTA COMBA

Superficie

203,70 km²

Parroquias

17

Poboación

9.450 hab. (2018)

• Densidade 46,52 hab./km²

Alcaldesa (2016)

María José Pose (PP)

20 abr 2019 / 22:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito