Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os centros educativos de Valga celebran o entroido con festivais e desfiles de disfraces

O CRA, os colexios de Baño e Cordeiro e o IES realizaron as súas actividades de Carnaval // Pola tarde, a comunidade educativa da Escola Infantil reunirase no Auditorio

    Os centros educativos de Valga viven unha xornada de celebración do Entroido na que os disfraces, desfiles e os doces típicos destas datas son os protagonistas.

    O Centro Rural Agrupado (CRA) foi o encargado de inaugurar, pola mañá, as actividades educativas, cun festival que tivo lugar no Auditorio Municipal e que reuniu a numerosos pais e familiares. A temática da festa foi o Entroido tradicional, cos nenos e os seus mestres disfrazados dalgúns dos personaxes máis coñecidos do Carnaval en Galicia. Os rapaces da escola de Campaña vestíronse de Pantallas, os da unitaria de Ferreirós convertéronse en Peliqueiros, os alumnos de Xanza transformáronse en Labardeiros e Señoritas, en Chenlo o disfraz elixido foi o de Vergalleiros, a escola de Vilarello encheuse de Boteiros e, por último, en Forno botaron man dos cabalos para encarnar aos Xenerais da Ulla.

    O CEP Xesús Ferro Couselo de Cordeiro celebrou unha festa no patio do colexio á que tamén estiveron convidadas as familias dos alumnos. Todos os disfraces xiraron en torno a unha mesma temática: a historia da Humanidade. Os distintos cursos fixeron un percorrido polas distintas eras da Historia: a prehistoria, a Idade Antiga, a Idade Media, a Idade Moderna e a Contemporánea, con disfraces de trogloditas, exipcios e romanos, medievais e burgueses ou hippies. O alumnado protagonizou representacións e bailes e, ao remate do festival, degustaron postres tradicionais do Entroido aportados polas familias.

    O CEIP Baño-Xanza optou por festexar o Carnaval cun desfile entre o colexio e a Praza Manuel Vicente Cousiño. O alumnado e o persoal do centro formaron unha comparsa de preto de 300 membros que foi acompañada por un vehículo da Policía Local e outro de Protección Civil para seguridade dos nenos. A estrada de Baño permaneceu pechada ao tráfico entre as 12 e as 14 horas para permitir o paso do desfile. Os disfraces que vestían os rapaces de Infantil e Primaria estaban relacionados coa arte e con distintos autores como Dalí, Miró, Kandinsky, Frida Kahlo ou Maruja Mallo.

    Tamén o IES de Valga se sumou ás celebracións de Entroido con diversas actividades lúdicas que tiveron lugar no patio central. Houbo deportes e concurso de disfraces con premios para os alumnos coas mellores vestimentas, que foron agasallados con vales de cafetaría e sesións de karts, estas últimas por cortesía da ANPA.

    Esta tarde continuarán os actos educativos co festival da Escola Infantil Municipal, que terá lugar a partir das 16:30 horas no Auditorio. Neste mesmo emprazamento actuarán os rapaces de Música e Movemento da Escola Municipal de Música a partir das 20 horas no xa tradicional concerto de Entroido.

    01 mar 2019 / 15:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito