A Laracha disporá dunha nova área comercial situada ao carón da estrada AC-552

A Corporación da Laracha aprobará o vindeiro xoves o Plan parcial AR-S1 Gallega de Mallas, promovido pola sociedade Inmobiliaria Gabenlle coa finalidade de crear unha nova área comercial nunha parcela situada na entrada da capital local en dirección A Coruña, xunto á estrada AC-552.

O referido plan posibilitará o desenvolvemento do ámbito e a súa incorporación á trama urbana da Laracha a través das novas conexións viarias, a creación dunha franxa vexetal, como transición entre o solo rústico e o urbanizado, e a redefinición do borde urbano incorporando novos usos.

O plan xa superou o período de información pública sen que se presentasen alegacións e conta cos preceptivos informes sectoriais.

O desenvolvemento desta iniciativa preséntase como “unha achega positiva á actividade comercial da Laracha, xa que o sector quedaría integrado na trama urbana da vila e abriría novas oportunidades para a creación de emprego no termo municipal”, subliñan dende o goberno local larachés.