O Carballo Interplay reivindicará a creación de contidos dixitais dende Galicia na décima edición

Estrearase ‘Dando a turra’, o talk show xeración Z de Belén Puime e Uxía Vázquez // Fomentará a produción audiovisual nas escolas

O día 30 emitirase en directo ‘Petiscos no Derby’ no marco do décimo Carballo Interplay /sara riveiro

O día 30 emitirase en directo ‘Petiscos no Derby’ no marco do décimo Carballo Interplay /sara riveiro / redacción

redacción

O Carballo Interplay homenaxeará a toda unha década de talento galego na súa décima edición, que terá lugar os días 29, 30 e 31 de marzo e 1 de abril. Unha vez máis, a principal motivación será reivindicar a creación de contidos dixitais dende Galicia e en galego, xa sexa en redes sociais como Twitter, Youtube, Twitch ou Tiktok, no eido audiovisual ou en formato podcast.

Os contidos galegos protagonizarán as primeiras xornadas, que contarán con actividades como a gravación en directo do podcast Petiscos no Derby, a estrea do talk show Dando a turra, o repaso á historia da Internet galega con María Yañez en O outro lado da pantalla, o pitching de iniciativas que optarán ao premio de Mellor proxecto de serie web e a estrea en exclusiva do proxecto gañador na anterior edición.

O festival comezará o día 29 ás 11.00 horas co acto de apertura e a entrega de premios de Dinoescolas. O certame Dinosaurio Escolas ten como obxectivo a incentivación da creación de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega para a súa difusión por Internet mediante a creación de capítulos da serie Dinosaurio. Este ano será o primeiro no que se realice, sendo un impulso máis para a creación de contidos en galego, dende idades máis novas.

Ás 12.00 horas comezará Dando a turra, un talk show creado por Belén Puime e Uxía Vázquez, con convidadas sorpresa. A intención deste programa é falar con distintas personalidades da mocidade galega sobre un futuro adulto que cada vez está máis cerca, así como intentar dar resposta ás preguntas: como vai afrontar esta xeración ser adultos funcionais?, que cambios debería haber no eido laboral?, é a denominada xeración z unha xeración de cristal?

O día 30 de marzo presentarase Dinosaurios e despois a creadora María Yañez proporá en directo, a través da súa experiencia, unha viaxe dende os inicios da Internet galega ata as portas da chegada das redes sociais. Emitirase en directo Petiscos no Derby, e pola tarde terá lugar o pitching de proxectos de serie web en galego. A mellor proposta levará 3.000 € para financiar a obra.

TEMAS