Piden a colaboración cidadá para potenciar a campaña de trampeo contra velutinas

Os concellos de Carballo e Camariñas toman medidas para minimizar os danos desta avespa

Acto de presentación da campaña contra a velutina en Carballo.

Acto de presentación da campaña contra a velutina en Carballo. / Concello de Carballo

REDACCIÓN

O Concello de Carballo foi pioneiro en Galicia ao poñer en marcha no ano 2017 a primeira campaña de trampeo da avespa velutina. Coincidindo co comezo do mes de marzo vén de arrincar a deste ano, na que novamente contan coa axuda dos apicultores e apicultoras do concello. Precisamente, e dado que esa colaboración se mantén dende a primeira edición, aproveitaron a asemblea xeral da Asociación Galega de Apicultura (AGA), que se celebrou a fin de semana no Fórum Carballo, para presentar a campaña 2023.

O ano pasado participaron 201 veciñas e veciños, que axudaron a distribuír polo territorio un total de 1.255 trampas, o que permitiu capturar 20.095 avespas. Unha das características da campaña de trampeo é que está aberta a toda a cidadanía, polo que poñen á súa disposición tanto as trampas como líquido atraínte. O que queira sumarse só ten que achegarse ata a oficina da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas, Plaguiber, na rúa Brasil, número 27.

Tamén no Concello de Camariñas chaman á participación cidadá para a campaña de trampeo contra as vespas velutinas. Con este propósito, solicítase a colaboración da cidadanía para evitar agora que as vespas raíñas formen os niños. O líquido atraínte proposto faise con produtos e materiais fáciles de adquirir: 2,5 litros de auga, 25 gramos de levadura fresca, 1 quilo de azucre e 2 culleradas de vinagre de mazá.