Duascentas imaxes retratarán nun volume o corazón amesán da Maía

Regueira, pola esquerda, con Penas, Santomil e Sánchez /concello

Regueira, pola esquerda, con Penas, Santomil e Sánchez /concello / M. Manteiga

O concelleiro de Educación, Patrimonio Histórico e Axenda Urbana, David Santomil, acompañado do secretario da asociación de veciños Pedra do Fuso, Alfredo Sánchez, mantiveron unha xuntanza co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e co deputado de Patrimonio, Xosé Penas. En dito encontro solicitaron a axuda económica da administración provincial para editar un libro de fotografías antigas da parroquia de Ames. O traballo de documentación e recollida de material foi feito polos integrantes de dita asociación que contan con máis de 200 imaxes. O proxecto leva por nome Ames. Unha parroquia. Un concello, e o prólogo será de Maximino Viaño. David Santomil explica que as instantáneas “mostran a vida da parroquia anos atrás e incluso da emigración e doutras actividades deportivas e das festas celebradas. A través desta iniciativa divulgaranse os recursos de recuperación patrimonial, destacando o valor do proxecto dende unha perspectiva moderna, dinámica e atractiva”, remataba o edil.