Charlas, saídas e mostras no IES de Cacheiras polo cambio climático

Fachada do IES Cacheiras

Fachada do IES Cacheiras

O instituto teense de Cacheiras vai celebrar unha nova semana cultural que leva como título Paisaxe e cambio climático na última semana do mes de marzo, entre o 27 e o 31. Contará coa presenza de relatores como Xurxo Souto, que falará da Galicia do Prestige o 27 ás 11.20 h; Rogelio Santos, que explicará o 31 ás 09.10 ao alumnado o seu labor de divulgación en defensa da vida do mar ou Vicente Feijoo, quen afondará na toponimia da zona de Cacheiras o 29, charla que se complementará cunha saída pola Ruta da Batalla de Cacheiras.

Contarán con mostras e dúas conferencias organizadas dentro do programa A ponte entre o ensino medio e a USC. O alumnado compartirá cos seus compañeiros varios traballos que levan realizando dentro do proxecto medioambiental que se desenvolve este ano neste IES.

Entre outros, o martes 28 no salón de actos, Pablo Sanmartín disertará sobre o Parque eólico Monte Piquiño e a modificación da paisaxe de Teo (de 09.20 a 10.10 e de 10.30 a 11.20). E logo, de 12.30 a 13.20 horas, tomará o relevo Antonio Rigueiro coa conferencia Cogumelos comestibles e velenosos. O 29 proxectarase 20 anos de dignidade ás 08.30; e o 30 falarán Hisao Akattsuchi, Teresa Boquete, Pedro Lamas e Lois Gil. O 31, Norma Pillado e José a. Ferreira.