Reclaman tarifas reducidas para as asociacións nas piscinas municipais do Concello de Teo

Piscina de Teo

Piscina de Teo / AA VV

O grupo socialista de Teo vén de rexistrar unha pregunta para pleno sobre a Ordenanza reguladora de prezo público polo servizo de piscinas de titularidade municipal. O motivo é que o ano pasado, os nenos que asistían ao campamento da asociación ARCO Os Tilos no puideron acceder a estas piscinas con tarifa reducida e, neste caso, a resposta do Concello foi que a ordenanza, do ano 2013, non o permitía. Por iso, o PSOE solicita que se fagan cambios.

Deste xeito, a oposición pide que se engada un epígrafe que contemple a redución do prezo público de aqueles nenos que participen nos mencionados campamentos. Dita redución, individual ou grupal, podería ser destinada, por exemplo, ao uso en horario de mañá das piscinas municipais, por calquera entidade inscrita no Rexistro de Asociacións de Teo, ou asociación de interese público e que realicen actividades de conciliación.

A ordenanza en cuestión xa foi modificada ata en tres ocasións polo que outro cambio máis non sería extraordinario, “e melloraría o regulamento”, segundo o grupo socialista. Os seus edís queren saber si o goberno municipal ten previsto, e para cando, modificar a ordenanza reguladora de prezo público polo servizo de piscinas municipais.