Pontecesures celebrará mañá domingo 26 de marzo o día grande da XXV Festa da Lamprea do Ulla, que centralizará as súas actividades nunha carpa no espazo “Cara a Ría”. A única excepción será a presentación do documental “Pontecesures”, que terá lugar ás 12:15 horas na Casa do Concello, onde terá lugar a recepción de autoridades, encabezada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana; o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage; e alcaldes de municipios veciños.
Ás 13:00 horas, xa na carpa no espazo “Cara a Ría”, a actriz e presentadora Isabel Blanco será a encargada de dar o pregón. Ás 14:00 horas dará comezo a degustación da lamprea, que ofrecerá máis de 300 menús. As persoas asistentes poderán mercar os seus tickets para o menú degustación a un prezo de 30 euros.
Cada menú degustación inclúe lamprea en tres elaboracións diferentes: á bordelesa, en empanada ou en escabeche, así como bebida (refresco, cervexa ou viño). No caso de repetir bebida, o prezo será de 2 euros. A partir das 20:00 horas, a actuación musical a cargo da agrupación “Unión y Fuerza” porá o broche de ouro á programación.
Na festa tamén participarán os integrantes do Radio Club Tierra de Rosalía, que entregarán un Diploma con motivo da exaltación gastronómica da Lamprea do Ulla en Pontecesures a todos os radioafeccionados que establezan contacto en HF ou CB. Entre todos os participantes, sortearanse uns trofeos doados polo Concello de Pontecesures. Os radioafeccionados estarán emprazados nun local xunto a praza de abastos.