Quince alumnos da Escola Mestre Mateo exhibirán a súa arte na Mostra do Encaixe

Presentarán unhas pezas escultóricas de materiais alternativos na pasarela adicada a ArtEncaixe

Creacións con encaixe da EASD Mestre Mateo /c. de camariñas

Creacións con encaixe da EASD Mestre Mateo /c. de camariñas / redacción

redacción

O desfile de ArtEncaixe, da Mostra do Encaixe de Camariñas, continúa, ano a ano, gañando puxanza, consolidándose e atraendo a artesáns de diferentes puntos de Galicia para demostrar que as puntillas son versátiles e poden adaptarse a diferentes materiais.

Nesta trinta e dúas edición da feira camariñana, que se celebrará do 5 ao 9 de abril, estrearase a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, de Santiago de Compostela.

Farano coa participación de quince alumnos e alumnas do primeiro curso de xoiería. “Para eles é algo emocionante poder sacar adiante un proxecto e que o vaia ver tanta xente, porque normalmente o que facemos quédase na aula”, afirma a mestra da EASD, Ana Seara.

Adianta que presentarán “pezas máis escultóricas, adaptadas ao desfile, moi grandes”, e sinala que xogan “con materiais alternativos e estamos traballando con corte láser e con metacrilato polo que terán moita cor”. “Haberá máscaras, coroas, colares, pendentes...”, afirma. Para os rapaces e rapazas da EASD Mestre Mateo “foi divertido o proceso de aplicar o encaixe nas súas pezas; supuxo un cambio no que agardaban que íamos a facer na clase e penso que desfrutaron do proxecto”, comentou a profesora.

Pola súa banda, á lista de grandes deseñadores que exhibirán as súas coleccións na pasarela de Camariñas sumáronse os nomes da asturiana Ana Cabranes, que cumprirá vinte anos de asistencia ininterrompida nun evento que, di, “transcende o ámbito da moda: é un modo de entender a vida”. E de José Matteos, que presentará unha colección nupcial con texturas moi diferentes.