Padrón estrea as súas festas de Pascua coa apertura de atraccións e concertos gratuítos

Festas da Pascua de Padrón

Festas da Pascua de Padrón / Concello de Padrón

redacción

Coas parcelas ocupadas, a apertura das atraccións e dos postos de feira no Espolón e no Campo do Souto, Padrón vístese de festa dende este domingo 2 de abril para celebrar a Pascua. Padroneses e visitantes poderán gozar durante quince días dunha completa programación pensada para todos os públicos e na que, unha vez máis, un bo número de concertos e verbenas gratuítos se sumarán a citas clásicas como a feira cabalar e as competicións deportivas. O pregón correrá a cargo do humorista David Amor.

“A Pascua celébrase por segundo ano como Festa de Interese Turístico de Galicia e o obxectivo de superarse a si mesma en cada edición”, salientou o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, quen lembrou que as festas de 2022 pecháronse cun gran éxito de participación e supuxeron todo un revulsivo anímicoe económico. “Traballamos arreo coa intención de manter o nivel e facer unhas festas que satisfagan a todos os públicos”, engadiu o mandatario. O Concello padronés destina á Pascua preto de 200.000 euros.