O principio de acordo para o párking do CHUS une ao PP e a Raxoi pero o PSOE veo como “papel mollado”

Mercedes Rosón reclama “un convenio que obrigue ás partes”

Concello e Xunta pactaron contribuír á mellora da accesibilidade cun 20 e un 80% do custo respectivamente

Coches aparcados en el entorno del Hospital Clínico de Santiago de Compostela

Coches aparcados en el entorno del Hospital Clínico de Santiago de Compostela / Jesús Prieto

Na tarde do pasado xoves a veciñanza de Santiago coñecía a chegada a un principio de acordo entre o Goberno local e a Xunta de Galicia en canto á construción do novo aparcamento do Hospital Clínico (CHUS), unha negociación protagonizada polos desencontros entre as dúas administracións durante un ano e medio. 

Mais se tanto a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, coma o líder do PP local, Borja Verea, se amosaban satisfeitos de que nas próximas semanas haxa un protocolo marco de actuación para resolver os problemas de mobilidade do CHUS, non acontece o mesmo na bancada socialista que ve este anuncio como “papel mollado”. Así o declaraba a concelleira do PSOE Mercedes Rosón na xornada de onte incidindo en que “un protocolo non compromete a ningunha das partes sobre algo concreto e esixible, nin xuridicamente, nin economicamente”. 

“Se realmente se chegase a acordo estariamos a falar dun convenio que obrigase a ambas administracións a cumprir o asinado, esa sería a noticia que merecen os veciños e as veciñas de Compostela”, afirmaba Rosón. Unha perspectiva bastante alonxada da do edil de Mobilidade, Xan Duro, que valoraba a “importancia de afrontar a urbanización da contorna” hospitalaria.

Reordenar os accesos

Na mesma liña explicábase durante as Conversas da Cadena SER celebradas onte no NH Santiago a alcaldesa Sanmartín. A rexedora insistiu en non valorar cal das dúas partes negociadoras cedeu máis ou menos, senón poñer o foco no consenso e en que o que quería o Goberno local era “o compromiso de colaboración para reordenar os espazos e os accesos do CHUS, non só construtir un aparcadoiro senón actuar no conxunto, deseñar un novo modelo urbano na contorna do CHUS”.

A alcaldesa fixo tamén referencia á necesidade de resolver “o caos circulatorio” que dende hai anos afecta á área na que se sitúa o Clínico e volveu poñer en valor as iniciativas levadas a cabo polo Executivo local nos últimos meses, nomeadamente “o aparcadoiro provisional” que o Concello de Santiago habilitou á beira do Cimus, a 150 metros do CHUS, e que conta con 151 prazas gratuítas.

Aplauso do PP ao acordo

O anuncio de que nunhas semanas haberá un protocolo marco de actuación no aparcadoiro do centro hospitalario uniu por primeira vez as sensibilidades do Partido Popular de Santiago e do Goberno bipartito. Lonxe do que viña sendo habitual, co líder do PP, Borja Verea, defendendo o proxecto da Xunta e instando ao Concello a implicarse economicamente “como xa fixeran outras cidades”, desta volta a valoración do principio de acordo é para Verea “moi boa nova” ao tratarse dunha “das maiores necesidades hoxe en Santiago”. “Aplaudimos a altura de miras por ambas partes para chegar a acordo”, aseguraba o líder dos ‘populares’. 

Unha altura de miras das administracións que non ve o Partido Socialista que na voz da súa edil Mercedes Rosón manifestaba que “semella que Concello e Xunta queren saír do paso para rebaixar a presión da veciñanza e gañar tempo sen saber paraque”. Para Rosón, o anuncio da creación do protocolo marco “só serve para escenificar o compromiso de colaboración, unha colaboración máis que obrigada”, asegura.

Cambia así o escenario ao que a veciñanza de Santiago e os usuarios do CHUS viñan asistindo xa dende o mandato de Sánchez Bugallo. Durante o último ano e medio PSOE, BNG e CA coincidían en non ceder ás solicitudes económicas da Xunta ao Concello aducindo que “a parcela do CHUS é propiedade do Sergas”. Raxoi insistía en ofrecer como colaboración un soar nas proximidades do Clínico e tamén destacaba a particularidade de Compostela, cuxa veciñanza só representa arredor do 24% dos pacientes do hospital, que dá servizo a unha área sanitaria con máis de 40 concellos.