Os alumnos do IES Xelmírez deixarán a “súa marca” grazas aos seus dous podcast premiados

Os estudantes de 3º da ESO e 2º de Bacharelato foron galardoados polos seus programas radiofónicos no VI Concurso de Podcast

O instituto recibiu un premio de 2.500 euros que empregará para mellorar o seu material técnico

Alumnos do IES Xelmírez en Radio na Biblio

Alumnos do IES Xelmírez en Radio na Biblio / Cedida

Antía Suárez

No propio día que recibían o boletín de notas os alumnos do IES Arcebispo Xelmírez decatáronse de que foran premiados con, non un, senón dous galardóns polos seus podasts.

O instituto participou por primeira vez nesta sexta convocatoria do Concurso de Podcast - Radio na biblio, presentándose en tres modalidades: 3º e 4º da ESO, Bacharelato e Outras ensinanzas. Destas tres, acadaron premios nas dúas primeiras, polas súas pezas sobre Luísa Villalta, a intelectual, escritora, activista política, cultural e medioambiental, articulista, tradutora, profesora, filóloga e violinista, á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Este tema foi común para todas as propostas que se presentaron ao concurso.

Dous xeitos diversos de honrar unha figura emblemática

Unha das profesoras que axudaron en todo o proceso de creación do programa foi Nuria Quintáns. Ela encargouse de que o alumnado recibira formación sobre como se fai un guión radiofónico, xunto con outros profesores que xestionan a radio do instituto, RadioClic!.

Cada un dos programas radiofónicos que presentaron tiña un enfoque diferente da figura de Luísa Villalta. O programa dos alumnos de 3º da ESO foi máis un exercicio de descubrimento, quedando abraiados polo seu perfil poliédrico. En troques, os alumnos de 2º de bacharelato afondaron moito máis, centrándose no activismo e no feminismo desta figura. Nuria explicaba que nesta peza “eles intercalaron testemuños ficticios de persoas abstractas para ilustrar a vida de Luísa”.

Ao falar do proceso creativo dos grupos, Nuria explicaba que “o xerme do proxecto foron os estudantes do ciclo medio Vídeo DJ e Son. Con estes alumnos xa traballáramos os contidos de radio o ano pasado, así que decidimos facelo nas tres modalidades para que tiveran interacción cos compañeiros de Bacharelato e da ESO. Paréceme importante destacar que foron eles os que lles explicaron como se facía o guión, a estrutura que tiñan que facer. Axudáronos a orientarse”.

Aínda tendo en conta esta axuda, a profesora tamén engadía que “os grupos foron totalmente autónomos, eles tiveron que informarse e elaborar o podcast a base de proba e erro”.

Máis alá do club de lectura

Este concurso de podcast forma parte do Plan LÍA da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, A biblioteca como centro creativo de aprendizaxes, no que se propoñen diferentes medidas para a evolución das bibliotecas escolares cara a laboratorios creativos de aprendizaxe.

Segundo a profesora Nuria Quintáns, este tipo de proxectos son moi importantes para desenvolver competencias dixitais e de documentación ao mesmo tempo que aprenden do tema. Engade que “agora temos un debate no claustro polo emprego das tecnoloxías: hai unha xente que defende os métodos máis tradicionais, e outra, na que me atopo, co director ao fronte, na que queremos máis innovación, novas metodoloxías”. Considera que os alumnos aprenden máis implicándose neste tipo de proxectos que empregando métodos máis tradicionais coma os exames.

Alumnos do IES Xelmírez gravando o podcast

Alumnos do IES Xelmírez gravando o podcast / Cedida

Agora recibiron 1.250 euros por cada premio, o instituto está preparado para mellorar o seu equipo e seguir investindo neste tipo de educación. A profesora Quintáns expresa que tamén están moi ilusionados con “deixar a súa marca no centro” e coa visita ás instalacións, a entrevista a algúns dos alumnos que participaron e a emisión dos seus programas na TVG. Aínda que, coa proba da ABAU xa dentro de nada, algúns dos alumnos preocúpanse de se terán tempo para todo isto.