Encaixando vida en Camariñas

A Mostra das puntillas reafirmouse como o motor dinamizador da Semana Santa na Costa da Morte, tras recibir a visita de 22.002 persoas // Uxía Loureiro, coa colección ‘A Orixe” foi a gañadora do Concurso de Noveis Deseñadores // Repartíronse un total de 4.500 euros en premios

Gañadores do certame de Noveis Deseñadores coas autoridades que entregaron os premios /c.c.

Gañadores do certame de Noveis Deseñadores coas autoridades que entregaron os premios /c.c. / J. M. RAMOS

A trinta e dúas edición da Mostra do Encaixe de Camariñas pechou as portas este domingo cun balance altamente positivo xa que durante os cinco días que permaneceu aberta ao público pasaron polo recinto feiral 22.002 persoas.

A gañadora do segundo premio, no centro, cos seus deseños /C.c.

A gañadora do segundo premio, no centro, cos seus deseños /C.c. / J. M. RAMOS

Unha cita coa moda e as puntillas á que lle puxo o broche o artista local Lopes cun concerto musical. Previamente tivo lugar o acto de entrega de premios do XXIX Concurso de Noveis Deseñadores, no que participaron este ano corenta mozas e mozos que están a dar os seus primeiros pasos no mundo da moda, e no que se repartiron 4.500 € en premios.

Deseños da colección distinguida co primeiro premio / C. C.

Deseños da colección distinguida co primeiro premio / C. C. / J. M. RAMOS

A gañadora foi Uxía Loureiro, que conquistou ao xurado coa súa colección A Orixe, e recibiu o galardón de mans da concelleira da Mostra do Encaixe, Encarna Liñeiro. O segundo recaeu na proposta Tecer, de Fabiola Santos Baña, mentres que o terceiro foi para a colección F.37, obra conxunta de Sofía Sánchez Rey e Santiago Iglesias Alonso. Tamén se premiou á colección máis comercial, resultando gañadora Inmaculada Dios González, con Isleño.

O xurado estivo composto polos deseñadores e deseñadoras Carmen Pichel, Miquel Suay, Esteban Freiría, Montse Gallego, Dolores Cortés, Ana Cabranes, Charo Carrillo, Modesto Lomba, Jorge de Álvarez e Felipe Santamaría.

Na última xornada, a pasarela de moda acolleu tamén un novo pase de PeqEncaixe e o Desfile Benéfico Encaxeiras Seniors - Loitemos contra o Cancro AECC, no que as propias palilleiras exerceron de modelos para exhibir as prendas creadas coas súas puntillas e, ao mesmo tempo, colaborar nunha causa xusta.

Pola pasarela desfilaron tamén os voluntarios e voluntarias da Mostra lucindo as coleccións de moda das dez delegacións internacionais participantes nesta edición: Bruxas (Bélxica); Sofía (Bulgaria); Krakovani (Eslovaquia); Gubbio, Novedrate e Trappani (Italia); Locarno (Suíza); Bobowa (Polonia); Peniche e Serra d’El Rei (Portugal).

Uns desfiles que tiveron unha grande acollida, ao igual que a actuación do humorista Touriñán, que encheou a sala na noite do sábado. O pavillón Víctor Vigo, reconvertido estes días en recinto feiral, foi tamén escenario do VI Encontro de Corais Mostra do Encaixe, que este ano xuntou ás agrupacións Airiños de Nós, de Oleiros, e Brisas do Mar, de Camariñas.

O acto de clausura estivo presidido pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e pola concelleira da Mostra do Encaixe, Encarna Liñeiro, quen reivindicou ante todo o papel das palilleiras e das nenas das escolas municipais, “presente e futuro do encaixe, pois sen elas nada do que vivimos estes cinco días sería posible”.

Subliñou ademais que as encaixeiras son “mulleres fortes, empoderadas, que foron capaces durante xeracións de coidar a identidade do noso pobo”. Camariñas está de moda, engadiu a concelleira, “porque conseguimos co esforzo e o traballo de todos e todas que a nosa pasarela e o noso encaixe sexan coñecidos en todo o mundo e que veñan aquí os mellores deseñadores de España, ademais de ser a canteira para o futuro da moda do noso país, converténdonos así na capital nacional deste sector durante a Semana Santa”.

Ao longo dos cinco días que estivo aberta a feira das puntillas, os visitantes poideron gozar e contemplar en vivo a variada arte dos palillos da man de encaixeras de oito países, entre as que destacou a presenza das artesás de Camariñas e dos concellos limítrofes.