Arte a pé de rúa no centro de Carballo

Yoseba Muruzábal ao pé do seu mural dedicado ao artista carballés Carlos O Xestal

Yoseba Muruzábal ao pé do seu mural dedicado ao artista carballés Carlos O Xestal / Concello de Carballo

Carballo segue a encher de arte as súas rúas e o seu museo ao aire libre non deixa de medrar. O artista Yoseba Muruzábal vén de rematar o mural-homenaxe a Carlos Díaz, O Xestal, que decora unha das fachadas laterais da escola unitaria de Mirón (Bértoa), e do 1 ao 11 do xuño a capital de Bergantiños acollerá a novena edición do festival Rexenera Fest, que este ano recibirá a artistas chegados de México, Bélxica, Salamanca, Zaragoza e Sevilla, ademais do galego MAZ, que aportarán seis novas obras ás rúas carballesas.

Un dos convidados ao Festival de Arte Pública é Alegría del Prado, un dúo creativo mexicano formado por Octavio Alegría e Ester del Prado. O seu imaxinario móvese nun fino equilibrio entre a figuración e o naturalismo, un estilo cargado de detalles cun matiz surrealista moi persoal, co que crean mundos oníricos que se enraízan a unha natureza chea de simbolismos.

De Bruxelas (Bélxica) chegará a artista Iota, que se move con comodidade entre a arte mural, a pintura e o debuxo. A súa obra está marcada pola pintura clásica figurativa e o art nouveau. Traballa na representación da alma humana en todas as súas complexas formas, misturando corpos, texturas e materiais para adentrarse nun mundo onde o inconsciente se funde coa realidade.

A zaragozana Susana Blasco, tamén coñecida como Descalza, é outra das convidadas que deixará o seu selo artístico no municipio de Carballo. É especialista na arte do collage, e leva esta disciplina ao formato mural, sendo unha das referentes desta técnica en España, cunha longa experiencia e traxectoria.

Tamén virá á capital de Bergantiños Alberto Montes, pintor e muralista sevillano. A súa obra caracterízase pola investigación plástica a través da concepción da paisaxe, movéndose comodamente entre a figuración e a abstracción. Unha proposta que incita á pausa, á contemplación e á reflexión.

Outra das convidadas é a ilustradora e muralista salmantina Ele Zissou, que se inspira na natureza, na súa infancia, na arte que ama e nas series de animación e o cinema que sempre admirou. A súa obra destaca polo uso dunha paleta limitada de cores planas e vivas, que distribúe de xeito sensible e equilibrado en todas as súas composicións, avogando por unha sofisticada síntese e estilización de formas, xerando o seu propio universo máxico cheo de personaxes coloridos e divertidos.

O galego MAZ, que é unha das figuras máis activas da arte urbana galega e estatal, completa o cartel artístico. Virá a Carballo coa intención de seguir dándolle visibilidade a problemáticas e contradicións que teñen lugar no espazo público, sempre dende o optimismo, o humor crítico e a retranca.

Como é habitual, o Rexenera Fest complementarase con rutas guiadas polos murais e concertos musicais a cargo de Dios ke te crew e Familia Caamagno. Non faltarán tampouco o xogos en familia.

Lembranza

O que xa se pode contemplar é o mural dedicado a O Xestal, que ademais de sumarse ao museo de arte pública de Carballo, pretende ser unha lembranza do artista enmarcada nos actos de homenaxe a el cando se cumpren vinte e cinco anos do seu pasamento.

Yoseba Muruzábal, autor da obra pictórica, asegura que cando viu a portada da cinta de casete Se eu fose grego, tivo claro como quería pintar a Carlos O Xestal, “porque cando ves a un tipo vestido de cura encima dun cabalo, sabendo que non é crego...”, dixo. O mural decora unha das fachadas da escola de Mirón (Bértoa). A elección non foi casual, pois o centro atópase no cruce das rúas Francisco Miguel e Carlos O Xestal. Ao longo do ano a comisión organizadora do Ano do Xestal continutará lembrando ao artista con actividades que poñan en valor o seu legado musical, cultural e humano.