A Banda de Música de Cee festexa o 25 aniversario cun concerto

Actuación da Banda de Música de Cee

Actuación da Banda de Música de Cee / Concello de Cee

A Banda de Música de Cee cumpre 25 anos de traxectoria e este sábado, 27 de maio, baixo a dirección de Fernando Fraga, ofrecerá o tradicional Concerto das Letras Galegas, que será o comezo das celebracións deste cuarto de século. Terá lugar a partir das 20.30 horas na alameda se as condicións meteorolóxicas acompañan. En caso contrario, será no auditorio da casa de cultura. A música en galego e a lembranza para Francisco Fernández del Riego terán un lugar moi destacado, se ben haberá algunha que outra sorpresa con motivo dos 25 anos de música da banda, que interpretará dúas pezas rescatadas de pasados repertorios da formación, como o pasadoble Santander e o tema homenaxe a John Williams. Contará, por outra parte, co músico Efraím Díaz, que como solista do pito galego interpretará os temas populares En Belén hai moita festa e Lela. Non faltarán pezas como Ariños aires, ou Xastrería de música, esta última unha muiñeira encargo da Banda de Música de Vilatuxe, dedicada a José Fernández Bernárdez por toda unha vida ao servizo da música e á súa banda. E a modo de celebración, estreará a peza Brindis, de Ferrer Ferrán, cunha chamativa posta en escea, antes de rematar o concerto coa interpretación do himno galego.