Mozos ordenses póñenlle cara ó pasado

Visita dos Reis de España ata a vila de Ordes en 1976 / ies Maruxa mallo

Visita dos Reis de España ata a vila de Ordes en 1976 / ies Maruxa mallo / M. Manteiga

M. Manteiga

O instituto Maruxa Mallo de Ordes mira pola memoria gráfica dos seus veciños, e vén de organizar a exposición de fotos mirandoNós dos familiares do alumnado de cuarto curso da ESO, segundo traslada o profesor de Xeografía e Historia Heladio Anxo Fernández. A iniciativa foi un éxito, e reuníronse 63 instantáneas que incluiron dende estampas costumbristas a retratos dos achegados deses mozos ou mesmo unha visita real.

Nena fotografiada cando as imaxes eran en blanco e negro / IES mallo

Nena fotografiada cando as imaxes eran en branco e negro / IES mallo / M. Manteiga

Segundo Fernández, as imaxes que forman esta mostra “son a parte final dun traballo desenvolvido na materia de Xeografía e Historia de 4º da ESO”, e explica que cada alumno buscou nas casas dos seus familiares fotografías antigas (anteriores ao ano 2000) “das que debeu seleccionar catro, as que cada un considerou máis relevantes”. Ademáis, e seguindo o proceso de documentación, para cada unha desas catro fotos tiveron tamén que cubrir unha ficha onde figurase, sempre que fose posible, datos coma a data, localización, persoas retratadas e unha breve descrición do plasmado na imaxe.

Mozas nun comercio da contorna amosando o xénero en 1956 / ies mallo

Mozas nun comercio da contorna amosando o xénero en 1956 / ies mallo / M. Manteiga

“Unha vez confeccionadas as fichas, elaboraron unha redacción, onde analizaron, polo miúdo, as fotografías, valorando a importancia da información proporcionada por cada unha, non só desde o punto de vista histórico, senón tamén desde a perspectiva sentimental e estética”, suliña de novo o docente. Pero tamén se lles propuxo que reproduciran as fotos antigas na actualidade.

Concluído o traballo escrito, cada alumno presentou as súas imaxes oralmente na aula. “Foi aquí cando puidemos comprobar o gran interese de moitas das fotografías para o coñecemento do noso pasado, da nosa identidade, o cal nos levou a organizar esta exposición cunha selección das mesmas”. E entre os temas que vertebran a mostra, Heladio Anxo Fernández sinala algúns coma “o da emigración; traballos; mili; retratos; motor; lecer; relixión e escola”, segundo confirmaba recentemente a este xornal.