ELECCIÓNS MUNICIPAIS 28M

Os nacionalistas de Brión e Negreira rexeitan dar apoio ao PP, pero reclaman diálogo cos socialistas

Ambos insisten en que non apoiarán un goberno dos populares pero seguen sen acordo co PSOE

O brionés Xosé L. Penas, á esquerda, mais Xosé Ramón Blanco / BNG

O brionés Xosé L. Penas, á esquerda, mais Xosé Ramón Blanco / BNG / Marcos Manteiga

Tanto os representantes do BNG de Brión como o de Negreira coinciden en sinalar que “nunca apoiaremos un goberno do PP”, partido que quedou segundo en votos na Maía, e primeiro na capital barcalesa... pero eso sí, se o PSOE quere sacar adiante os temas do día a día, vai ter que acordar con eles.

Así o destacaba Xosé Luis Penas, o candidato nacionalista brionés, que pasou de dous a tres concelleiros nun Concello con 13 munícipes (os socialistas acadaron 6 e os populares, 4). Di que “en principio non recibimos chamada ningunha” do PSOE, e pensa que “non acabaron de asumir que perderon a maioría tras corenta anos”. E do mesmo xeito, lembra que se deciden gobernar en minoría, “nós temos claro que non imos bloquear os aspectos importantes, pero deben saber que para os aspectos puntuais precisarán de acordos”.

Pola súa banda, Xosé Ramón Blanco Pichi valora “bastante ben” volver cun edil á Corporación de 13 en Negreira tras tantos anos, e admite que si que tiveron xa algún contacto co PSOE, “pero quedamos pra falar, a ver o acordo ao que chegamos”.