Entrevista | Álex Doval Futuro alcalde de Oroso polo PP

“Non me vai tremer o pulso á hora de erradicar o amiguismo e caciquismo”

O líder do PP de Oroso, e próximo mandatario local, Álex Doval

O líder do PP de Oroso, e próximo mandatario local, Álex Doval / PPdeG

Como foi de dura a campaña?

Foi dura e de moitísimo traballo, con quince actos entre mitins , visitas ás parroquias, os dous actos en Sigüeiro e actividades infantís.

Moita tensión entre partidos?

Eu intentei falar do meu e centrarme na miña candidatura e no programa... pero hai mentiras que hai que contestalas. De calquera dos xeitos, hai ben anos que teño ben posto o chubasqueiro para que me resbalen estas mecánicas.

Foron máis de vinte anos de goberno socialista continuado. Pensa que será difícil facer cambios?

É certo que despois de tantos anos quedan malos hábitos que hai que remediar. E non me tremará o pulso para erradicar vellas prácticas coma o amiguismo e caciquismo.

Cal é o seu plan de choque? Que pensa priorizar na primeira etapa co seu goberno de maioría?

Os piares seguen a ser os mesmos: atención aos nenos, maiores e rural, ademais de baixar os tributos municipais na medida do que sexa posible, porque vai depender todo do que me atope a nivel económico. Este goberno puxo moitos atrancos, e todo o que eu me atope voullo trasladar á cidadanía.

Hai propietarios de varios chalés que levan anos pendentes de se lle van derrubar os inmobles...

Sempre estiven do lado dos propietarios, porque eles adquiriron de boa fe e non fixeron nada malo. Agora están situados entre a autopista e a estrada nacional, pero a sentencia de derrubo parece durmir no soño dos xustos. Neste caso, penso que o Concello debe de respaldar aos donos no que eles decidan, e queremos buscar a mellor solución. Trátase dun caso de exceso de edificación, pero quizais se poida compensar co terreo que teñen diante, porque parece que non é de Carreteras, xa que decidiu non aglomeralo.

Pensa que Oroso debe de se achegar a Santiago ou está ben na Mancomunidade de Ordes?

É un debate absurdo e estéril. O importante é mancomunar servizos e que funcionen ben, porque á xente non lle importa un ou outro ente supramunicipal. A Mancomunidade ordense funciona razoablemente ben, e non podemos poñer trancos, pero debemos seguir a mancomunar servizos, como poden ser os da piscina climatizada ou a residencia de maiores, con outros municipios limítrofes, pero tamén con Santiago. É unha mágoa que non se poida facer unha actuación conxunta no Refuxio do Tambre para poñelo en valor... a ver coa nova alcaldesa.

En que estado vai recibir as estradas do seu Concello?

As principais estradas da Deputación están ben, e da Xunta non temos, pero as pistas das parroquias están destrozadas, e case que imos ter que poñer un concelleiro exclusivamente para atender este problema. A estrada nacional N-550 tamén está en mal estado e, por suposto, seguiremos a pedir a transferencia á Xunta da autopista AP-9, para solicitar que o tramo de Sigüeiro a Santiago sexa gratuíto. Deste xeito, tamén se aliviará o tráfico.

Como se lle deu por meterse na política local?

Pois dende os dezaoito anos estiven afiliado ao Partido Popular, e tamén tiven relacións con anteriores rexedores, coma Eugenio Neira, algúns concelleiros e Romay Beccaría. Presenteime no 2015 por casualidade, xa que non era candidato, pero a persoa que encabezaba a lista rexeitou presentarse dous meses antes. Romay e outra xente do PP da comarca aconselláronme dar o paso. Esta actividade quita moito tempo, e ten momentos bos e outros que non o son tanto. A oposición é máis jodida, porque o traballo é difícil de visibilizar, e estou certo de que tería unha vida máis tranquila. Presenteime con vinte e catro anos, e fun o candidato máis novo. Agora xa teño trinta e dous.

E como espera rematar cando se retire desta actividade?

Pois non miro máis aló destes catro anos. Vou cumprir o comprormiso... e hai que lembrar que hai un mes eu non sabía se ía a ser alcalde, e sempre tiven sorte para atopar traballo. Agora penso centrar os meus esforzos en sacar proxectos adiante ca maioría folgada que saiu das urnas o pasado día 28.