Ribeira loa a súa memoria toponímica

O filólogo Fernando Cabeza Quiles presentou a súa obra sobre a capital do Barbanza no centro cultural Lustres Rivas // Bota luz sobre localizacións como Corrubedo, a lagoa de Carregal ou as illas de Sagres

Posta de sol na illa ribeirense de Sagres, que fai referencia a un tipo de falcón da zona

Posta de sol na illa ribeirense de Sagres, que fai referencia a un tipo de falcón da zona / Antonio Parada Mariño

Sabían vostedes que a lagoa de Carregal fai referencia a presencia dunha vexetación típica, o carrizo? Ou que Corrubedo parece corresponder á existencia dun vello curro? E pode que tampouco coñeceran que O Torreiro non lembra ao vixiante dun faro, senón a presenza do campo da festa. Pois estes e outros tesouros da lingua foron revelados por Fernando Cabeza Quiles, que vén de presentar no centro cultural Lustres Rivas a súa obra Toponimia de Ribeira.

Fernando Cabeza Quiles é un dos principais divulgadores da realidade toponímica do país, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da Asociación Galega de Onomástica, entidade que colabora coa Academia na edición de Terra Nomeada.

O filólogo Fernando Cabeza Quiles, autor de ‘Toponimia de Ribeira’ / rag

O filólogo Fernando Cabeza Quiles, autor de ‘Toponimia de Ribeira’ / RAG

Toponimia de Ribeira é a súa terceira contribución á colección, tras Toponimia da Estrada (2018) e Toponimia de Carballo (2020). O libro, dispoñible en edición dixital na sección de publicacións de academia.gal, sae do prelo co apoio da Deputación da Coruña. No acto, ademais, estivo acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina; a presidenta da Asociación Galega de Onomástica, a académica correspondente Luz Méndez; o presidente de Apatrigal, Carlos H. Fernández Coto; e tamén unha concelleira, que acudiu en representación do goberno local.

Este traballo, publicado na colección Terra Nomeada da Real Academia Galega, corrixe a explicación errada que se estendeu sobre o topónimo Corrubedo e está cheo de mostras de como os nomes que identifican o territorio acubillan a súa memoria. Deste xeito, o autor destaca que no seu día propúxose a posibilidade de que o topónimo Corrubedo tivese unha raíz prerromana cor, que quere dicir pedra, e da que provén a palabra croio.

“Esta hipótese, recollida en Os nomes de lugar (Xerais, 1992), foi reproducida en múltiples ocasións, sen citarse a fonte, contribuíndo a espallar esta interpretación errada”, indica o autor, que explica que o verdadeiro significado do nome deste emblemático espazo sería curro vello. WA partir dun posible curro vĕtĕru(m), teriamos en primeiro lugar un intermedio curro vedro (curro vello). Esta forma, ao desaparecer o seu último por disimilación eliminatoria, algo frecuente ente vibrantes (erres) na evolución do latín ao galego. E tamén aparece no Concello de Mazaricos ou en Lugo”, subliña. E tamén daría proba da “antiga presenza” de curros nesta parte da península do Barbanza.

A pedra do Pé de Corniño, que desapareceu nos 80 / A. Parada mariño

A pedra do Pé de Corniño, que desapareceu nos 80 / A. Parada mariño

Outras realidades da paisaxe de Ribeira desapareceron hai ben pouco, e seguen tamén dalgún xeito vivas na memoria que custodia a toponimia. É o caso dos lugares O Pé do Corniño ou Torreiro. Lembra o filólogo que O Corniño “era a gran pedra que aínda existía nos anos 80 nesta parte alta do monte a carón do colexio da parroquia de Carreira”. Este é un claro diminutivo en -iño da palabra corno que, entre outros significados aínda ten o de cume, parte máis alta dun monte. Á súa vez, a voz corniño debe proceder dunha base prerromana oronímica corn- , “que significa esquina, punta, ángulo, cúspide, altura rochosa”.

Respecto de O Torreiro, na parroquia de Corrubedo, “non debe o seu nome, malia a crenza hoxe estendida, á existencia do faro, atendido por un fareiro ou torreiro antes da súa automatización”, aclara Cabeza Quiles. “En realidade todos os Torreiro e O Torreiro galegos –engade– refírense ao terreiro, torreiro ou turreiro, o espazo amplo de terra onde, a xeito de praza, se fan as festas. Este significado coincidía ata hai poucos anos coa realidade física do lugar”.

Canto ao nome da lagoa de Carregal, o autor explica que este fai referencia á abundancia da cana silvestre chamada carrizo ou cárrega, propia de espazos lacustres e que outrora debeu ser máis abundante ca agora na lagoa., mentras que o topónimo Balieiros é, por outra banda, un zootopónimo referido ás baleas que antano frecuentaban as costas galegas. “A súa abundancia na costa de Corrubedo aparece reflectida nunha atestación do ano 1577 do Arquivo do Reino de Galicia”, apunta a mesma fonte. E no que atinxe á orixe do orotopónimo Os Forcados, pensa que tamén “é bastante transparente, xa que fai referencia á forma bifurcada do cume do monte que designa; mentres que o nome das illas de Sagres é probablemente un zootopónimo diante da abundancia dun tipo de falcón usado na cetraría”, o sacer.