Entrevista | Raúl González Lado Futuro alcalde de Dumbría polo PSOE

“Darei continuidade ao proxecto que comezou Pequeño porque é o que a xente avalou nas urnas”

Raúl González Lado, futuro alcalde socialista de Dumbría / psoe

Raúl González Lado, futuro alcalde socialista de Dumbría / psoe / JOSÉ M. RAMOS

Como valora o apoio que recibiu da veciñanza despois de corenta anos de goberno do seu antecesor José Manuel Pequeño?

Foi un resultado moi bo, fantástico. Obter unha maioría absoluta a primeira vez que te presentas non é doado, aínda levando moitos anos no goberno como é o meu caso. Agradezo moito o apoio da veciñanza, que me recibiu moi ben cando fomos falar con eles na campaña. Souberon entender que este é un proxecto novo e votáronlle a Raúl. Debo recoñecer que nunca foi a miña idea ser alcalde, pensaba que me xubilaría con Pequeño, pois non pensei que marcharía. Pero os feitos sucederon así e tiven que dar un paso adiante. A única condición que lle puxen para ser o seu sucesor foi que só o faría co apoio dos compañeiros, e así foi. Agora afrontarei con moita ilusión estes catro anos de mandato.

Cal é a liña que vai seguir o novo goberno de Dumbría?

Temos un proxecto consolidado nestes corenta anos de mandato de Pequeño e o meu vai ser un proxecto de continuidade porque é o que a veciñanza avalou nas urnas. Non se trata de propoñer megaconstrucións, senón de traballar para manter os impostos ao mínimo e garantir os servizos, que na maioría dos casos son gratuítos. Somos un referente en moitos ámbitos na Costa da Morte e a xente está contenta. Moitos dos veciños cos que falei o que me dixeron foi “non tolees da cabeza, aguanta do que hai”.

Cales son os principais retos para esta lexislatura?

Queremos seguir avanzando na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, intentaremos reforzar os servizos sociais, completar os abastecementos de auga potable naqueles núcleos aos que non chega a rede municipal nin a da mancomunidade, e seguir ampliando o saneamento, sempre adaptándose aos recursos dispoñibles. Outra das prioridades é acondicionar os camiños de acceso aos montes, pois moitos deles quedaron desfeitos debido ao paso da maquinaria pesada dos madeiristas. A este respecto, estudaremos tamén a posibilidade de establecer algunha taxa para poder cubrir estes gastos, porque senón o problema repetirase.

A cultura e o deportes son dous dos referentes de Dumbría. Seguirá sendo así?

Esa é a miña intención. Tanto a cultura como o deporte foron os que nos puxeron no mapa. Agora que chega o verán todas as fins de semana haberá actividades e competicións, tanto de ámbito local, como autonómico e mesmo estatal. Isto tamén é xerar riqueza e contribuir a fixar poboación, pois atraemos moita xente que pernocta e consume no noso concello e en toda a contorna. Como exemplo, os deportistas que veñen competir no Campionato de España de Voleipraia do Ézaro, e as persoas que os acompañan, xa reservan a estancia dun ano para outro.

Seguirá pelexando polo ansiado campo de regatas no río Xallas?

Hai que seguir, pero non vemos interese por parte da Xunta en que vaia adiante e estes descargan a responsabilidade nun acordo cos pescadores. É unha gran oportunidade para seguir xerando riqueza e emprego no rural, e ademais neste caso temos o factor principal, que é a agua.

E que dicir do turismo e do Camiño de Santiago...

Son outros dos nosos piares e seguiremos apostando forte por eles. A posta en valor do Ézaro non só contribuiu a xerar máis actividade, senón que tamén se crearon empregos nos nosos establecementos hostaleiros e noutros negocios. E que dicir do Camiño. Olveiroa era unha aldea chamada a desaparecer, e agora é un referente e un modelo de reactivación do rural, tanto a nivel social como económico. Agora temos tamén a figura do Vákner e queremos seguir revitalizando a ruta.