CLUN e IES Melide impulsan no ensino público o primeiro ciclo superior de FP dual de gandería

A cooperativa, con sede na capital maiá, asume o compromiso de acoller doce alumnos en prácticas en explotacións socias

O prazo de matrícula está aberto ata o 15 de xullo

Persoal do CLUN e do IES de Melide, xunto ao alcalde da localidade, 3º esq., na presentación do ciclo

Persoal do CLUN e do IES de Melide, xunto ao alcalde da localidade, 3º esq., na presentación do ciclo / clun

O IES de Melide e CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) impulsan a modalidade dual do Ciclo Superior de Formación Profesional de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal, o primeiro destas características no ensino público da comunidade. A iniciativa presentouse este venres no centro educativo, coa asistencia da secretaria xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez. A matrícula para este novo ciclo está dispoñible desde o día 23 de xuño e ata o vindeiro 15 de xullo. A cooperativa CLUN asume o compromiso de acoller ata a doce alumnos nas etapas de formación en prácticas en ganderías socias e tamén aportando coñecemento a través do seu equipo veterinario.

Na súa intervención, Eugenia Pérez salientou que “o Plan Conecta da FP de Galicia procura que a oferta de Formación Profesional se adapte ás necesidades do mercado e tamén no rural. Así, produciuse un incremento do 10 % na oferta de formación que ten como obxectivo dar á actividade do rural profesionais que o fagan seguir desenvolvéndose”.

Pola súa parte, a directora do IES de Melide, Ana Villar, manifestou que “conseguir que este FP Dual poidese ter cabida nun centro público como o Instituto de Melide é resultado de dous anos de traballo e reunións e a colaboración da cooperativa CLUN, completamente imprescindible para impartir o ciclo”.

Indicar que a modalidade dual non chegara aínda a este ciclo superior, así que o seu nacemento supón unha novidade para o curso 2023/2024. Incorporarase en só dous centros en Galicia: o IES de Melide e o CEFA de Sergude.

Tal como puxo de relevo Pablo Costoya, secretario do Consello Reitor de CLUN, atopar man de obra estable e cualificada é xa a maior dificultade coa que se encontran as ganderías familiares de camiño á profesionalización. A entidade detecta que esta é a principal preocupación, xunto á necesidade de investimento en modernización e ampliación das instalacións. Para dar resposta a esta necesidade, a cooperativa busca a través da formación camiñar “cara a unha gandería galega cun maior tecido humano profesionalizado dispoñible”, dixo.

[object Object]

O 13 % das 7.000 explotacións que quedan entregando leite en Galicia son ganderías de tamaño medio, con 75 vacas en produción e 40 hectáreas de superficie; e outro 7 % grandes, de máis de 160 vacas en muxido e 68 ha. de superficie agraria útil. “Este tipo de ganderías son as que demandan máis persoal, co obxectivo de garantir a conciliación e dispor dalgún tempo que permita mellorar a calidade de vida e manter a estrutura laboral que precisan estas explotacións e conseguir ser viables e máis competitivas”, dixo Costoya.