Trece centros da comarca ofrecerán o vindeiro curso 502 prazas en 20 novos ciclos de FP Dual

Ribeira e Muxía estrean o de grao básico de Cociña e restauración, e Cee o superior en Automatización e robótica industrial

O CIFP Coroso e o IES Losada Diéguez terán másteres en Mantemento de coche híbrido e eléctrico

Manuel Teira, director do CIFP Coroso de Ribeira, dereita, con empresarios do Barbanza na última reunión do Plan Conecta FP Galicia

Manuel Teira, director do CIFP Coroso de Ribeira, dereita, con empresarios do Barbanza na última reunión do Plan Conecta FP Galicia / cifp coroso

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de facer pública a nova oferta de ciclos, másteres e programas de Formación Profesional para o vindeiro curso, unhas ensinanzas cunha alta inserción laboral, do 85 % en réxime ordinario e de case o 100 % na FP Dual. As 42.174 prazas de novo ingreso que se van ofertar dan resposta ás necesidades de todos os territorios e sectores produtivos, cun importante aumento da oferta na gran parte das familias profesionais.

En función das diferentes reunións mantidas cos sectores profesionais ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia, prodúcense incrementos significativos nas prazas ofrecidas nas familias profesionais de Industrias extractivas (+221 %), Enerxía e auga (+37 %), Agraria (+22 %), Marítimo-pesqueira (+19 %), Informática e comunicacións (+19 %), Imaxe e son (+18 %), Edificación e obra civil (+17,5 %) e Instalación e mantemento (+15 %).

Na área do Plan Conecta FP Galicia de Santiago ofértanse para o curso 2023-2024 un total de 4.434 plazas (un incremento do 17,68 %); na de Barbanza e Muros-Noia, 1.159 (2,93 % máis) e na de Deza, Tabeirós e Terra de Montes, 677 (7,63 %  máis).

No tocante ós novos ciclos da FP Dual, no IES de Arzúa ofreceranse o de grao medio en Xestión administrativa (30 prazas) e Produción agroecolóxica (22) e de grao superior en Xestión forestal e do medio rural (22) e en Paisaxismo e medio rural (22); no IES Plurilingüe de Ames ofreceranse 30 prazas de grao medio en Sistemas microinformáticos e redes; no CFEA de Sergude (Boqueixón), 22 prazas de grao superior en Gandaría e asistencia en sanidade animal; no IES Fernando Blanco de Cee, 22 prazas de grao superior en Automatización e robótica industrial; no IES de Melide, 22 prazas de grao superior en Gandaría e asistencia en sanidade animal; no IES Ramón Caamaño de Muxía, 22 prazas de grao básico en Cociña e restauración; no IES de Ordes, 22 prazas de grao superior en Automoción; no IES Macías O Namorado de Padrón, 22 prazas de grao medio en Instalacións eléctricas e automáticas; no IES Eduardo Pondal de Ponteceso, 22 prazas de grao superior en Automoción; no CIFP Coroso de Ribeira, 22 prazas de grao básico en Cociña e restauración, 30 de grao medio en Elaboración de produtos alimentarios, 22 de grado medio en Instalacións de produción de calor, 22 de grao medio en Construción e 22 de grao superior en Mantemento de instalacións térmicas e de fluídos; no IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada, 30 de grao superior en Administración de sistemas informáticos en rede; no IES Laxeiro de Lalín, 30 en Construcións metálicas e oferta parcial de proxectos de obra civil e 22 de grao superior en Automoción; e no IES de Valga, 22 de grao medio en Soldadura e caldeiraría.

Híbridos e eléctricos

Por outra banda, no referente aos novos másteres de FP, impartiranse os de grao medio de Mantemento de vehículos híbridos e eléctricos, na modalidade ordinaria, no CIFP Coroso de Ribeira e no IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada (vinte prazas en cada centro).