Camelle rememora os náufragos do ‘City of Agra’ no 126 aniversario do afundimento

Trinta e tres dos setenta e cinco tripulantes perderon a vida

A vila será escenario de roteiros animados, citas teatrais, música, gastronomía e artesanía nesta fin de semana

Momento dun roteiro animado pola costa de Camelle nunha edición anterior do evento

Momento dun roteiro animado pola costa de Camelle nunha edición anterior do evento / naufraxios galegos

A vila mariñeira de Camelle, en Camariñas, será escenario nesta fin de semana (do 7 ao 9 de xullo) da cuarta edición do maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia, en lembranza dos náufragos do buque City of Agra, cando se cumpren 126 anos do seu afundimento nos baixos do Canesudo, de Arou. Unha traxedia que se saldou con 33 homes mortos, dos 75 tripulantes que viaxaban a bordo. Ademais de homenaxear as vítimas, a Asociación Cultural Naufraxios Galegos, que preside Fernando Patricio, organizadora do evento, xunto co Concello de Camariñas, quere lembrar tamén a solidariedade dos veciños de Arou e Camelle que “proporcionaron aos náufragos roupas, comidas, camas e prodigáronlles toda clase de atencións e consolo”, afirma Patricio.

O buque, que viaxaba desde Glasgow (Escocia) a Calcuta (India), “tras petar cos baixos de Canesudo, foi engulido de contado polas augas do Atlántico”, relata Fernando Patricio, e partiuse en dous, “saíndo só á superficie un dos seus tres paus, de onde ficaban aínda termados dous tripulantes hindús, que foron salvados por bravos mariñeiros de Arou”. Catro mariñeiros de Camelle acudiron tamén ao rescate e, grazas á súa solidariedade, conseguiron salvar a vida de 32 náufragos, que foron acollidos en casas de Camelle, Arou e Camariñas. Outros 10 tripulantes foron salvados pola tripulación do vapor mercante británico Onega.

O buque escocés 'City of Agra', afundido en Arou

O buque escocés 'City of Agra', afundido en Arou / Concello de Camariñas

Un naufraxio que aínda está moi presente na memoria colectiva destas vilas mariñeiras e que, dende hai varios anos, rememoran con diferentes actividades. Este ano, os actos comenzarán o venres, día 7 ás 12.00 horas, coa inauguración da Feira Mariñeira no paseo marítimo de Camelle, e da exposición City of Agra. 126 anos na memoria, no Museo Man. Ao longo da fin de semana haberá un concurso de tapas con especias, visitas guiadas á mostra, representacións teatrais a pé de rúa, concertos musicais e unha sardiñada.

O sábado terá lugar, a partir das 10.30 horas, o Roteiro animado dos náufragos do Agra, dende o miradoiro de Lobeiras (Arou) ata o Campo Santo de Camelle, e pola noite, ás 22.45 horas, recrearase a arribada dos náufragos ao porto de Camelle.

O domingo, ás 12.30 h., os nenos e nenas da vila renderanlles unha homenaxe ás vítimas no monumento da Áncora, e acto seguido celebrarase o acto de recepción de autoridades e a entrega de medallas polo vicecónsul británico aos patróns das tres embarcacións que rescataron os náufragos. A recreación terá lugar no Campo da Area.