Tres estudantes de Cee, Outes e Boqueixón recoñecidas cos premios á excelencia de FP

A Consellería de Educación outorgou un total de 23 distincións en Galicia

A outiense Laura Caamaño agradece que “se valore o esforzo” e di que a clave é “organizarse ben”

Laura Caamaño Outón, de Outes, é unha das premiadas pola Xunta /ECG

Laura Caamaño Outón, de Outes, é unha das premiadas pola Xunta /ECG / J. M. RAMOS

Entre os vinte e tres alumnos e alumnas aos que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades outorgou os premios extraordinarios de grao superior de FP hai tres estudantes do ámbito de Área. Trátase de Ángela Roca Paz, que cursou un ciclo da rama agraria na CFEA de Sergude (Boqueixón); Tamara Martíns Lago, que estudou Administración e xestión no IES Fernando Blanco, de Cee; e Laura Caamaño Outón, que se formou na rama sanitaria no IES Campo de San Alberto, de Noia.

Estes galardóns que convoca cada ano a Consellería recoñecen os “méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado” que cursou cun excelente resultado académico os estudos de grao superior de FP. O obxectivo, afirman, é “a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego”.

Para optar a estes premios os estudantes debían contar cunha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos, entre outros requerimentos. Unhas esixencias que superou con solvencia Laura Caamaño, que rematou o curso 2021-2022 cunha nota media de 10, o máximo que podía acadar.

Preguntada polas claves para acadar estas cualificacións, Laura ten claro que “o máis importante é organizarse ben”. Ela no é das que se encerra horas e horas para estudar, senón que “tento de buscar un equilibrio e ter tempo para poder facer outras cousas e levar unha vida normal, sabendo que a prioridade son os estudos”.

Asegura estar “moi contenta e agradecida” porque o seu esforzo se vira reflexado no excelente expediente académico “e recoñecido con este premio”. Subliña ademais que a súa experiencia no IES Campo de San Alberto, de Noia, “foi moi boa, e tiven a sorte de contar con moi bos profesores, grandes profesionais, o cal inflúe para estar máis motivada”.

Este ano complementou os seus estudos cun novo ciclo no IES Lamas de Abade, de Santiago, e agora a súa intención é integrarse no mundo laboral, “e agardo que as notas e este premio me axuden a atopar un posto de traballo”. A súa intención é darlle continuidade á súa formación no ámbito da investigación, e valora tamén a posibilidade de preparar oposicións para traballar no Sergas.

Logo da súa experiencia Laura Caamaño recomenda a quen teña dúbidas á hora de elexir unha formación que “valore a opción da FP porque, aínda que anos atrás estaba infravalorada, iso xa non é así e estes estudos brindan unha formación moi enfocada ao que nos vai facer falta no mundo laboral”.

Un expediente de matrícula de honra é o que lle valeu tamén o premio á excelencia a Tamara Martíns Lago, que estudou no IES Fernando Blanco, de Cee. Un dos seus profesores, e actual secretario do centro, Manuel Jesús García, asegura que “foi unha alumna excepcional, tanto a nivel persoal como académico”. Lembra que xa gañara unha das Becas Fernando Blanco que outorga o instituto aos mellores expedientes académicos das diferentes ramas formativas que imparten. Nesta ocasión tamén completou o primeiro ciclo “todo con notas de 10”, sinala.

Esta é a primeira vez que un estudante do IES Fernando Blanco acada este premio, “o cal só podemos valorar dun xeito moi positivo”, engade, Manuel Jesús, quen lembra que xa o promotor e mecenas do instituto, o que lle da nome, instaurou no 1886 unhas becas-premios para incentivar os estudantes, as cales foron recuperadas no 2011 e, dende entón, convócanse anualmente.

Ademais das estudantes do ámbito de Área, tamén foron premiados outros oito alumnos/as de institutos de provincia da Coruña, cinco de Lugo e sete de Pontevedra. Cada un dos galardoados recibirá un premio de 1.000 euros e, ademais, esta distinción dálles dereito a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente Premio Nacional de Formación Profesional, de grao superior.