O rock e o folk ambientarán a Festa da Empanada de Bandeira

Imaxe da pasada edición / c. s.

Imaxe da pasada edición / c. s. / redacción

Redacción

A localidade silledense de Bandeira celebrará do 16 ao 20 de agosto a súa XLVII Festa da Empanada, cuxa organización agarda atraer a máis de 30.000 persoas.

O mércores 16 a protagonista será a empanadilla, produto gastronómico que abrirán as festas da vila da Bandeira e que estará presente nos diferentes bares da localidade en formato de tapa. A xornada estará amenizada pola charanga local Os Empanaos e a Asociación Cultural Os Pereiriños e dará comezo ás 20.00 horas. A partir das 23.00, a rúa Camilo José Cela presenciará unha longa noite festiva a cargo dos DJ’s Xavi Villar, Calwin e Cid na DJ Party Night.

O xoves 17 haberá inchables e Festa da Espuma para os cativos, e pola noite será o festival gratuíto e solidario Bandeirock, no que dende as 20.00 horas acturán sete grupos e artistas: Heredeiros da Crus, Mekanika Rolling Band, Cuarta Xusta, Salavelatoria, Kona Ke Te Fixo, Marela e Señora DJ. Ademais, haberá pulpería oficial e zona gastronómica.

O venres 18 será o festival Esmorga Folk, cas actuacións de Leilía, que se despide dos escenarios, o espectáculo de Caxade e a Banda da Bandeira, A Requinta da Laxeira, os irlandeses Rack & Ruins, o rompedor Mondra ou asociacións locais coma Xirandola, Carballo da Manteiga, A Pinguela de Bama e Raeira e Raiola. O sábado 19 o concurso de empanadas iniciarase ás 12.30 horas, e este ano será a Valedora da Empanada, María Lama, a encargada da lectura do pregón desta 47 edición da Festa da Empanada. A verbena estará amenizada pola orquestra Olympus e o DJ David Expósito.

O domingo 20, ás 20.00 horas, haberá concertos da Banda Municipal de Silleda e da R. C. de Bandeira. Posteriormente actúa o grupo Phanton.