Outes lidera dous programas de economía circular e innovación educativa nos que participan 9 países

Colabora con Portugal, Romanía e Polonia creando un modelo pedagóxico adaptado á formación telemática

Xunto a Irlanda, Alemaña, Italia, Croacia e Grecia explora novos modelos de negocio para reactivar o rural

Alumnos do IES Poeta Añón de Outes tomando mostras na praia de Testal / f. sóñora

Alumnos do IES Poeta Añón de Outes tomando mostras na praia de Testal / f. sóñora / suso souto

A pandemia da covid demostrou que a maioría dos sistemas educativos non estaban preparados para o mundo de oportunidades da aprendizaxe dixital, e que tamén é necesario e urxente fomentar unha cultura innovadora en toda unha sociedade e a todos os niveis, comezando pola idade escolar. A educación STE(A)M (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas) permite que o alumnado desenvolva habilidades e competencias relacionadas coa innovación. E niso está a traballar o Concello de Outes liderando o proxecto europeo de innovación educativa e-InnoEduCO2, cuxo piar de Pedagoxía e Didáctica está coordinado polo Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC.

Este consorcio conta coa participación do CESGA como principal socio tecnolóxico, así como da Universidade de Aveiro (Fábrica de Ciencias Vivas) e Agrupamento de Escolas de Aveiro (Portugal), o Liceo XXVI de Lodz (Polonia) e a Universidade de Iasi (Romanía).

Alumnas do IES de Outes analizando mostras no laboratorio / f. sóñora

Alumnas do IES de Outes analizando mostras no laboratorio / f. sóñora / suso souto

O obxectivo é desenvolver un modelo pedagóxico que permita compensar o aumento das carencias da UE na Formación Profesional adaptando a formación telemática da era da covid ás necesidades curriculares de experimentación científica. A experimentación deste modelo vai dirixida ao alumnado do último ciclo da ESO e Bacharelato.

Segundo o profesor da USC e coordinador do proxecto, Francisco Sóñora, “a USC presentouse a este programa en dúas modalidades: a de Tecnoloxías e a de Creatividade. Na primeira competimos con 900 candidaturas en toda España e, na segunda, con 200. E nas dúas, os nosos proxectos foron os primeiros seleccionados”. Sóñora sinala que “Outes lidera o programa no eido das Tecnoloxías como modelo de concello pequeno predisposto a colaborar coa comunidade educativa para reducir as fendas dixitais no rural”.

“Estivemos desenvolvendo unha plataforma tecnolóxica que dote de contidos e recursos didácticos ós centros de ensino das que, como se ten demostrado, carecían os alumnos e profesores ante unha situación de pandemia ou, simplemente, no caso de que un estudante teña que seguir o curso dende a casa. Ata o de agora, as feramentas non ían máis alá da videoconferencia”, explica.

Asimesmo, a iniciativa xira ao redor da relación entre o medioambiente e a saúde. Por iso, outra das actividades foi a implicación do alumnado no estudo das praderías mariñas en tres tipos de ecosistemas. No Atlántico, alumnos de Outes e Noia e expertos da Universidade de Vigo analizaron o impacto do marisqueo nas praderías, que purifican a auga, reteñen carbono e facilitan a reprodución de especies. No Mar Adriático, o centro asociado de Polonia (referencial en Bioloxía) analizou a contaminación das praderías por fertilizantes. E no Mar Negro, o centro asociado de Romanía, que ten alí unha estación de bioloxía mariña, analizou o impacto das infraestruturas públicas portuarias.

A vindeira actividade terá lugar do 2 ó 6 de setembro en Aveiro (Portugal), onde os participantes avanzarán no estudo das praderías pero dende un punto de vista artístico: a través do proceso integral da elaboración dunha curtametraxe, dunha banda sonora, dunta peza de teatro-musical, da escenografía, etc. A plataforma tecnolóxica www.innoeduco2.org xa está dispoñible e é aberta.

Por outra banda, o Concello de Outes lidera tamén o consorcio do proxecto europeo Circular.rur sobre novos modelos de negocio de economía circular para a activación do rural europeo, de cooperación en materia de formación profesional Erasmus+ e que se desenvolve dende 2021 ata finais do presente ano.

Conta coa participación da Asociación de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia, así como de socios europeos de Irlanda, Alemaña, Italia, Croacia e Grecia.

Sofía Agrafojo e Rosa Sánchez, esqda., en Hamburgo con socios de Circular.rur de Croacia, Grecia e Irlanda / r.t.

Sofía Agrafojo e Rosa Sánchez, esqda., en Hamburgo con socios de Circular.rur de Croacia, Grecia e Irlanda / r.t. / suso souto

Segundo a súa coordinadora, Roxana Topciov, o proxecto quere dar resposta a problemáticas compartidas con outros territorios de Europa, como o abandono do rural, o envellecemento da poboación nese eido, o descoñecemento das oportunidades que ofrece a economía circular...

Para iso marcouse o obxectivo de transferir coñecementos innovadores sobre a economía circular desde o ámbito académico a técnicos de emprego, axentes de desenvolvemento local, emprendedores do rural e outros axentes clave para a promoción de novos modelos de negocio sostibles no ámbito rural.

Así, elaborouse un manual de asesoramento sobre modelos empresariais de economía circular para o desenvolvemento rural, que será un recurso que oriente o traballo dos técnicos de emprego e axentes de desenvolvemento local en materia de negocios baseados nos principios da economía circular. Analizáronse tamén as claves do éxito dos negocios sostibles, e neste aspecto foi moi enriquecedora a recollida de casos de boas prácticas de negocios que aplican a economía circular, como a madeireira Hijos de Vicente Suárez S.L., a cooperativa Mulleres Colleiteiras ou a aula sostible de Freixo.

“Estamos en pleno desenvolvemento de recursos dixitais que facilitarán o traballo dos técnicos durante os asesoramentos que realicen cos emprendedores. E estamos a piques de terminar o desenvolvemento dun Mooc para o asesoramento sobre novos modelos de negocio circular, contidos de formación en liña aos que poderán acceder técnicos, estudantes ou calquera persoa interesada en formase en economía circular e no desenvolvemento de modelos de negocios sostibles”, dixo Topciov.

Todos estes recursos estarán dispoñibles nunha plataforma interactiva de formación accesible para toda a poboación europea, xa que os contidos estarán en inglés, castelán, italiano e croata. Ademais, para comprobar a calidade da formación realizarase unha proba piloto de formación en Irlanda, onde técnicos de cinco países poderanse formar nos contidos elaborados no proxecto.