Teo lembra a Avelino Pousa coa entrega do X Premio Caxato á escritora Carme Varela

No acto en homenaxe do insigne galeguista, celebrado no undécimo aniversario do seu pasamento, lembrouse ao poeta Xoán Xosé Fernández Abella, falecido a semana pasada

A alcaldesa de Teo, de costas, diríxese aos asistentes ao acto

A alcaldesa de Teo, de costas, diríxese aos asistentes ao acto / Cedida

A escritora Carme Varela, que tantas horas pasou “argallando” mil e un proxectos con Avelino Pousa Antelo na sede da Fundación Castelao, foi este ano a elixida para recibir o Premio Caxato, na súa décima edición e instituído en memoria do insigne galeguista, falecido o día vinte de agosto de 2012.

O acto de entrega do galardón celebrouse onte no auditorio Constante Liste do concello de Teo, municipio do que Pousa Antelo foi Fillo Predilecto e onde residía no momento do seu pasamento, na compaña da súa familia, que onte tamén estivo presente na homenaxe. As súas fillas Nora e Gela acompañaron a Carme Varela nun día de gran significado para a Irmandade Avelino Pousa.

Carmen Varela recolle o Caxato Avelino Pousa / cedida

Carmen Varela recolle o Caxato Avelino Pousa / cedida

Sen dúbida, a homenaxe deste ano estivo marcada pola lembranza ao poeta Xoán Xosé Fernández Abella, falecido a semana pasada e amigo persoal de Pousa Antelo. “Era como o apéndice do meu pai. Ían xuntos a todos os sitios”, confirmaba a este xornal Nora Pousa, moi apenada polo pasamento de Abella, para quen houbo numerosas lembranzas ao longo de todo o acto.

A filla de Avelino Pousa tamén tivo palabras de agradecemento para os “incondicionais” do seu pai, que, “ano tras ano” demostran que o que fora presidente da Fundación Castelao “foi querido por moitísima xente”, dixo. “É algo que nos enorgullece e nos emociona”, engadiu.

Destacou tamén o importante labor que a premiada Carme Varela, escritora, historiadora, autora teatral e colaboradora durante moitos anos de Avelino Pousa Antelo, desenvolveu como secretaria técnica da Fundación Castelao. “Foron moitas as horas que pasaron xuntos argallando proxectos e actividades”, explicou Nora Pousa, para quen, sen todo ese traballo, moitas das obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao non terían saído á luz.

Así mesmo, a filla de Pousa Antelo louvou o “precioso” discurso co que a homenaxeada recolleu o premio Caxato e no que lembrou moitas anécdotas que viviu co histórico galeguista e co poeta Fernández Abella, “dos que foi case a súa taxista”, lembraba Nora Pousa, aludindo aos numerosos actos aos que os acompañou durante moitos anos.

No acto de onte tamén interviñeron a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e Alfonso Blanco Torrado, en nome da Irmandade Avelino Pousa, a asociación cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Cha.

A xornada de confraternidade continuou no Paseo Avelino Pousa, onde Baldomero Iglesias, Mero, interviu en nome de todas as asociacións organizadoras do acto. Seguidamente tivo lugar unha ofrenda floral en memoria de Pousa Antelo diante do monolito na súa honra. A festa continuou cun xantar de irmandade. Nas edicións anteriores recibiron o Caxato Avelino Pousa Alfonso Blanco Torrado, o Concello de Teo, a parroquia de Santa Mª de Arzúa, a escritora Fina Casalderrey, a familia de Valentín Arias, Antón Costa Rico, a Fundación Penzol, Marica e Texeira Campo e Arlindo López.