Ó longo de 1,5 quilómetros

Un vial de nova apertura conectará o polígono de Bértoa coa estrada de Razo

O Concello destinará 4,8 millóns de euros a obras e servizos con cargo ao remanente de Tesourería

Reurbanizarase a rúa Portugal

Vista parcial do polígono empresarial de Bértoa, en Carballo / xestur

Vista parcial do polígono empresarial de Bértoa, en Carballo / xestur / suso souto

O Concello de Carballo está a incrementar o orzamento anual cos fondos procedentes do remanente de Tesourería para gastos xerais. No pleno de abril aprobouse a incorporación de 1.674.461 €, e no de xullo engadíronse outros 3.159.366 €. En total, 4,8 millóns que se destinarán a servizos e, sobre todo, á execución de obras en distintas parroquias. A modificación orzamentaria aprobada en abril incluía, por exemplo, partidas destinadas aos servizos de recollida de residuos sólidos urbanos, o alumeado, o acondicionamento dos xardíns ou a mellora da seguridade no polígono de Bértoa.

A actuación de maior envergadura será a apertura da vía que enlazará o polígono empresarial de Bértoa coa estrada de Razo ó longo de máis de 1,5 quilómetros. Este primeiro treito, de aproximadamente setecentos metros de lonxitude, discorrerá entre o parque empresarial e a rúa Abetos. A nova estrada contará con dous carrís de circulación e sendas ciclopeonís nas marxes, ademais de arborado e mobiliario urbano. Tras esta primeira fase, o goberno local pretende seguir desenvolvendo as seguintes sucesivamente.

Asimesmo, executaranse as seguintes obras: reurbanización da rúa Portugal, aglomerado da vía do Moucho (Verdillo) á Piña (Sofán), ampliación da rede de abastecemento a Rebordelos, pavimentación con cemento do núcleo rural de Vilar do Carballo (Oza), mellora de rúas no núcleo rural de Arnados (Razo), reparación de vías secundarias nas parroquias de Lema, Carballo, Razo, Oza, Bértoa, Rus, Artes, Verdillo, Sofán e Ardaña, mellora de camiños forestais, pavimentación de accesos a vivendas en núcleos rurais, demolición das antigas vivendas dos mestres e investimentos en centros escolares.

Tamén a mellora da pista deportiva e do patio exterior e a zona de xogos do CEIP A Cristina (primeira fase), campo de fútbol 3 As Eiroas, ampliación do pavillón Vila de Noia, reforma da pista de xogo do pavillón Carballo Calero, melloras enerxéticas no campo de fútbol do Carral (Sofán), mellora da pista multideporte da Praza do Concello, e substitución da pista perimetral do Chorís.