Banquete de Conxo: a festa da fraternidade

Celébrase os días 24, 25 e 26 de maio

Mercado do libro, sábado e domingo, con 16 postos de editoras, librarías e ilustradoras

Lánzase o I Certame Fotografico do evento

Imaxe de arquivo do Banquete de Conxo, a festa da fraternidade

Imaxe de arquivo do Banquete de Conxo, a festa da fraternidade / Concello de Santiago

"Chega a festa da fraternidade, a máis transversal de Santiagoque partiu da veciñanza de Conxo e agora conta coa participación de todos os departamentos do Concello". Con estas palabras comezaba a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentaba xunto á edil de Comercio, María Rozas, a programación da Festa do Banquete, que se vai desenvolver en Conxo do 24 ao 26 de maio. Unha celebración para a que Sanmartín animou á veciñanza a levar "alguén doutro barrio, doutro lugar da comarca que nunca fose porque non se vai defraudar".

O día grande da festa, o domimgo 26, o bosque do Banquete acollerá a romaría, un xantar popular sobre o que a alcaldesa lembrou que se contará con polbeira mais tamén "cada persoa pode levar a súa comida da casa", da mesma maneira que se pode ir vestido de época e participar na teatralización que organiza un ano máis a compañía Os Quinquilláns. "A festa son tres días pero a programación lévase preparando dende hai meses, cos obradoiros de vestimenta ou coa teatralización", insistía Sanmartín.

Scape room e cantos de taberna

O venres 24 de maio ás 17.30 horas dá comezo a Festa do Banquete co percorrido literario 'As voces do bosque', a cargo do autor e editor Quique Alvarellos -con inscrición no email rutabanquete@santiagodecompostela.gal-, e ao que seguirá o obradoiro de baile tradicional na praza de Conxo.

Pero esta primeira xornada é tamén de estrea e de tradición, estrea pola organización dunha scape room e de tradición por Cantos de taberna. Dende as 19 ás 20.45 horas desenvolverase a actividade 'Scape room' Banquete de Conxo pola contorna do bosque, unha actividade familiar para fomentar o coñecemento da riqueza natural da contorna. Cada grupo participante estará integrado por un máximo de 10 persoas (os menores poden ir acompañados dun adulto), con idades recomendadas entre os 7 e os 14 anos. As persoas interesadas poden inscribirse no Centro Sociocultural de Conxo entre o 15 e o 22 de maio.

Dende as 19.30 horas o centro sociocultural acolle a primeira entrega dos Cantos de taberna, que a partir das 21h. pasará aos bares da contorna e contará coa participación de diversos grupos da cidade, coma Colexiata de Sar, Muiñeiros do Sarela ou Devagariño, entre outros.

Libros, bosque, aves e muíños

O sábafo 25 dá comezo o mercado do libro, que nesta edición contará con 16 postos, cinco máis que en 2023, e onde tamén se farán demostracións de oficios tradicionais coma a forxa, a cerámica ou a cestaría. Ademais, as 18 horas o claustro do Hospital Psiquiatrico collerá a mesa redonda Libros, mente e saúde, coordinada pola psicóloga Rosa Cerqueiro e que contará co participación de autores de obras vencelladas coa saúde mental.

Pero o máis destacado da xornada sera, sen dúbida o protagonismo do bosque. Ás 9.30 e ás 11.30 habera senllos talleres de observación de aves, para os que se requiren 8 anos de idade mínima e levar prismáticos (as inscricións fanse a través do email observacionaves@santiagodecompostela.gal). E sobre esas mesmas horas -ás 10 e ás 11- tamén se desenvolve o obradoiro Baños de bosque, dirixido pola coach corporal Merche Palomino e pensado para maiores de idade.

As 11 horas estarán repletas de actividades, pois tamén comezará a ruta dos muíños que inclúe a visita ao muíño de Mourullo, en funcionamento, nos arredores do Multiúsos de Sar; e mais a carreira de orientación da Festa do Banquete, para toda a familia e con inscrición a través da web xestanatureza.com.

A música e o espectáculo estarán presentes na sesión vermú a cargo da banda Boa Sunset, do Centro Xove da Almáciga; coa representación de N+1, Circanelo, para público familiar ás 18.30 horas. Haberá tamén Canto fraterno na escalinata do Psiquiátrico e dende as 21 horas unha nova edición da Festa da Poesía con Sara Porto, Diana Kurich, Branca Trigo e Marta Dacosta e o acomañamento musicla de Filloas -do Centro Xove da Almáciga-, Ash Diz e C Mirazo.

Chegou o día grande

O domingo 26 o máis importante é o xantar popular, pero non só, ás 11 da mañá sairá do Toural o desfile teatralizado polos Quinquilláns, 'Alá van estudantes e artesás'. Ás 12.45 darase lectura ao pregón na praza de Conxo, da man de María Luísa Otero, veciña de Marrozos.

Logo do xantar a festa segue, co pasarrúas Trashumancia sonora, de Paporrubio dende as 16.30, a foliada de Serán da fraternidade media hora despois e chocolatada e concerto do Sonoro maxín ás 20.30 horas para rematar a celebración. Pero antes, o pregón de peche, que este ano pronunciara a cineasta Jaione Camborda.

I Certame Fotográfico do Banquete de Conxo

A edil María Rozas explicou unha das novidades da edición deste ano da festa, o concurso fotográfico co que se pretende "fomentar a creatividade e poñer en valor o bosque e a fotografía coas mellores imaxes da celebración", destacou.

O tema principal do certame vai ser a propia festa e aquelas persoas que se animen a participar poden enviar as súas instantáneas ao Concello entre o 27 e o 31 de maio. As imaxes gañadoras recibirán diferentes agasallos, como unha cámara de acción deportiva, unha cámara instantánea ou libros de fotografía.

Consulta as bases do certame.