Conta atrás para o Banquete de Conxo: volve a festa máis participativa da cidade

Decorrerá os días 24, 25 e 26 de maio

Marrozos vai ser o barrio convidado nesta quinta edición na que non faltarán o teatro, a feira das letras, a música e o Tren do Banquete

Conta atrás para o Banquete de Conxo: volve a festa máis participativa da cidade

Conta atrás para o Banquete de Conxo: volve a festa máis participativa da cidade / Archivo

Os edís de Centros socioculturais (CSC), Xan Duro, e Festas, Pilar Lueiro, esbozaron onte a programación da Festa do Banquete de Conxo, que decorrerá os días 24, 25 e 26 de maio, e fixérono acompañados pola técnica Lucía Castro, do departamento de Comercio, e Cecilia Carballido, coordinadora do evento.

Coma sempre, a conmemoración contará co Tren do Banquete -entre o Toural e Conxo-, coa recreación dramática do da man da compañía Os Quinquilláns, coa festa das letras na praza Aurelio Aguirre e coa romaría no bosque o día grande, o da romaría popular, o domingo 26.

Na comparecencia de prensa presentouse tamén a imaxe gráfica desta edición, creada polo deseñador Pancho Lapeña e protagonizada por un paporroibo e por un bosque verde, alén da xa típica imaxe do banquete. A razón, explicada por Cecilia Carballido, é “continuar coa divulgación ornitolóxica da zona”, e a cor “coa intención de redescubrir o propio espazo, o bosque de Conxo”.

 A parroquia convidada este ano será a de Marrozos, cuxa veciñanza ademais de implicarse nas actividades programadas será a encargada de pronunciar o pregón.

A participación como motor

O edil Xan Duro debullou as propostas que procuran a implicación veciñal este ano, destacando que na Festa do Banquete, “a participación da veciñanza vai máis alá do desfrute, tamén forma parte do desenvolvemento” das actividades. Duro quixo poñer en valor o papel dos CSC tamén neste evento para “tecer cidadanía e vertebrar os barrios”.

Haberá de novo obradoiros de vestimenta tradicional e de época, este último impartido por Bety Busto, que se desenvolverán nos centros socioculturais do Ensanche, de Laraño, de Conxo e de Marrozos. Ademais desta actividade, o concelleiro convidou á veciñanza a sumarse á recreación teatral dos Quinquilláns, aos mozos e mozas “que queiran caracterizarse coma estudantes” e tamén a aqueles que fagan música a inscribírense no mail csconxo@santiagodecompostela.gal.

Tanto a participación no mercado do libro coma a inscrición para que os locais de hostalaría poidan formar parte da romaría do domingo cun posto, deberano solicitar a través do rexistro electrónico municipal, a través do ítem ‘Autorización da ocupación da vía pública para actividades varias’. Para libreiros e libreiras, o prazo de solicitude comeza a semana que vén remata o día 8 de maio e habilitaranse un total de 20 postos que se asignarán por orde de entrada e con preferencia para os e as empresarias de Compostela. Cada posto poderá propoñer actividades complementarias como recitais, presentacións literarias das obras que promocionan ou eventos artísticos.

Como participar?

Pilar Lueiro e Xan Duro fixeron un chamamamento o a toda a cidadanía para que se implique de xeito activo na celebración deste evento, a “festa da veciñanza”. Entre as opcións, ademais de sumarse como actor ou actriz ás distintas accións teatrais que coordina a compañía Os Quinquilláns, tamén se pode colaborar na organización e na preparación da Festa do Banquete. Para isto é preciso poñerse en contacto co CSC de Conxo (csconxo@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 528 740).

Este ano, ademais, faise un especial chamamento a mozos e mozas que queiran caracterizarse como estudantes dentro do Desfile do domingo, e outra das opcións é a de colaborar como voluntario no desenvolvemento da Festa do Banquete, enviando un correo electrónico a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.