Arte en feminino co Delas Fest para deixar na escola de Ortoño a pegada das mouras

A muralista Julieta XLF pintou nas instalacións elexidas polas familias do centro

O seu traballo mistura a tradición máis enxebre co colectivo que se adica aos coidados

Julieta XLF, primeira esquerda, cas edís Uxía García, segunda, e Belén Paz, cuarta, e Javier Antelo, quinto, e colaboradoras

Julieta XLF, primeira esquerda, cas edís Uxía García, segunda, e Belén Paz, cuarta, e Javier Antelo, quinto, e colaboradoras / concello

Julieta Silla, muralista valenciana coñecida como Julieta XLF, pintou nunha parede da escola infantil A Igrexa, de Ortoño, escollida polas propias familias da escola. A artista plasmou un deseño que tamén puideron escoller as familias e, segundo o seu parecer, “o mural fala a través da figura fantástica da mitoloxía galega das mouras do colectivo dos coidados e conecta a realidade coa maxia da creatividade, a natureza e o territorio”, clarexaba.

O resultado final foi “unha mestura da combinación de símbolos da terra como poden ser as figuras mitolóxicas das mouras, o toque persoal e as achegas repletas de frescura da rapazada da escola que non está contaminada da nosa visión formal do mundo”, finaliza Julieta.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, resalta a pegada que deixa esta edición do Delas Fest en Ames, “tanto visual con esta magnífica obra de arte, como na memoria da xente coas actividades e obradoiros realizados”.

Unha das novidades da presente edición foi a proposta de obradoiros familiares que se celebraron no denominado Familia Delas Fest, e foron impartidos por FUNICULAR Arteducación, en colaboración coa propia 7H Cooperativa Cultura e co apoio do programa Apego. A concelleira resaltou tamén a “gran acollida destes obradoiros, dos cales rapidamente se esgotaron as prazas”.

Todo o ano se produciron diversas actividades para reivindicar a presenza das mulleres no espazo público. Ademais das xuntanzas coas anfitrioas, no mes de abril proxectouse na casa da cultura do Milladoiro un dos capítulo da serie documental Museo a Ceo Aberto, dirixido por Marián Fernández, da cooperativa O Cable Inglés, que estivo presente nun animado coloquio posterior ao seu visionado.

Desenvolto anualmente desde 2019 en diversas localizacións da bisbarra compostelá, o Delas é o primeiro festival de arte urbana e contextual que se celebra en Europa con perspectiva de xénero.

Cun cartel composto unicamente por nomes femininos, o seu programa de actividades combina intervencións artísticas, obradoiros de creación, xornadas de análise e experimentación colectiva e encontros de convivencia entre veciñanza e creadoras co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que crean no espazo público.

Nesta edición chegou ata Santiago, Ames, Teo e Brión, concellos da comarca que cofinancian este evento artístico e reivindicativo xunto coa Deputación da Coruña.