A centenaria confraría de Portosín afronta o futuro co reto de acadar o relevo xeracional

Isaac Gaciño asegura que é necesario modernizar o sector e conseguir cotas que garantan a sostibilidade da frota do cerco

O pósito celebrou os 100 anos cunha sentida homenaxe aos patróns maiores e armadores xubilados

O presidente da Xunta e demais autoridades cos patróns maiores e armadores xubilados, en primeira fila, na celebración en Portosín / xunta galicia

O presidente da Xunta e demais autoridades cos patróns maiores e armadores xubilados, en primeira fila, na celebración en Portosín / xunta galicia / josé m. ramos

Ao pé dunha praia e con só unha pequena caseta e dous ou tres barcos adicados á arte do xeito fundábase no ano 1923 a Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín. Este sábado, cen anos despois, celebrouse no que hoxe é o porto máis importante do cerco en Galicia, o centenario do colectivo, que agrupa actualmente a 27 barcos e 245 socios, entre armadores e mariñeiros, segundo sinalou o actual patrón maior, Isaac Gaciño.

Fixóo no acto conmemorativo do centenario da confraría, ao que se sumaron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a súa antecesora, Rosa Quintana; ademais do alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, entre outros.

Unha celebración que se converteu tamén nunha homenaxe aos 24 patróns maiores que rexeron o pósito dende a súa fundación, nove dos cales están aínda vivos e foron agasallados cunha placa conmemorativa, ao igual que 20 dos patróns que están xubilados. Gaciño subliñou que grazas ao esforzo e ás aportacións de todos eles foi posible converter a Portosín “nun porto de categoría A, que ademais é o máis importante de Europa no sector do cerco, tanto por volume de capturas como en facturación”.

Agora, e despois de cen anos de existencia, o cabildo que preside Isaac Gaciño, dende hai dous anos e medio, mira cara o futuro con certa preocupación pero coa esperanza de acadar un relevo xeracional que, a día de hoxe non está garantido, e que será clave para a supervivencia do sector. Para iso, o patrón maior ten claro que é necesaria unha “modernización do sistema de traballo, para facer da pesca un oficio máis fácil e menos arriscado, de xeito que a xente nova vexa nesta profesión unha opción de futuro e se anime a tomar o relevo”.

Tamén será clave, engade, conseguir unhas cotas de capturas que garantan a sostibilidade da frota, “pois a xente ten que comer todos os días e iso non é posible se só temos cotas para cinco ou seis meses ao ano”. Gaciño sabe que os obxectivos non son doados pero é optismista e agarda que dentro doutros cen anos Portosín siga sendo un referente pesqueiro en Europa.

Con ese fin, a confraría segue a dar pasos cara adiante para garantir “a máxima calidade e frescura do peixe” ata que chega ao prato. Ese é o principal obxectivo da marca Azul de Portosín, creada polo pósito local, que involucra a toda a cadea produtiva e de distribución e transformación dos seus peixes: xarda, sardiña, xurelo e bocarte. Produtos que foron enxalzados no acto do centenario coa elaboración de distintos menús no marco do VII Concurso de Tapas, con premios para as mellores, e que poideron degustar os asistentes á celebración, á que se sumaron tamén os chefs locais Ofelia, que foi concursante de Master Chef, e André Arzúa.

Os actos, que foron conducidos e presentados por Juan Fuentes, da TVG, e complementáronse co saber e bo facer dun grupo de regueiferios, una actuación de Habaneras de Noia, e un concerto de peche amenizado por A banda de Balbina.

Os máis pequenos da casa tamén poideron gozar da festa con inchables e diversos xogos populares na zona portuaria de Portosín.

Rueda destaca a contribución destas agrupacións á creación de riqueza nas vilas costeiras

Rueda quixo compartir co sector pesqueiro e a veciñanza de Portosín a celebración do centenario do seu pósito, e aproveitou o acto para subliñar o papel “das confrarías de pescadores na creación de riqueza nas vilas do litoral galego e na difusión da marca Galicia a través dos produtos do mar que levan o nome da nosa Comunidade por todo o mundo”.

Puxo ademais en valor a contribución da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín “ao avance económico, social e cultural desta localidade”, salientando que “grazas ao traballo realizado desde a súa fundación en 1923, Portosín é na actualidade un dos portos pesqueiros máis importantes de Galicia”.

Ademais, Rueda destacou a creación do selo Azul de Portosín, o certificado que acredita a calidade e frescura das xardas, sardiñas, xurelos e bocartes que pesca a frota desta vila mariñeira, e que chegan “máis aló de Galicia, e xa contan con empresas de pratos precociñados ou grandes superficies comerciais interesados neles”.

O presidente da Xunta tamén tivo palabras de recoñecemento ao labor desenvolvido nestes cen anos de historia polos vinte e catro patróns maiores que estiveron á fronte da confradía. Agradeceu a todos eles, desde Rogelio Roura, o primeiro en ocupar o cargo, ata o actual patrón maior, Isaac Gaciño, “o seu esforzo e compromiso na defensa dos intereses dos profesionais do mar da súa vila”.

Cen anos despois da fundación da confraría, a importancia do porto de Portosín cuantifícase en cifras millonarias, tanto de capturas como de ingresos. Así, o pasado ano a lonxa local mobilizou máis de 4,3 millóns de quilos de peixe, que xeraron unha facturación total de 4.304.521 euros, segundo datos de Pesca de Galicia.

O xurelo foi a especie que máis ingresos xerou (case 2 millóns de euros), seguido da sardiña, pola que ingresaron máis de 1,6 millóns. Pola súa banda, a xarda xerou unha facturación de 570.000 euros. E no que vai de ano 2023, na rula de Portosín poxáronse case 2,5 millóns de quilos de peixe, situándose os ingresos tamén preto dos dous millóns e medio de euros, xerados principalmente polo xurelo e a sardiña.