Os veciños de Bértoa arroupan as familias dos asasinados polos franquistas en 1936

Continúan os labores arqueolóxicos para tentar localizar os catro corpos

Acharon diversos restos óseos, pero moi dispersos

Veciños de Bértoa e familiares dos asasinados están a seguir os labores de busca no cemiterio carballés /ARMH

Veciños de Bértoa e familiares dos asasinados están a seguir os labores de busca no cemiterio carballés /ARMH / JOSÉ M. RAMOS

O equipo de arqueólogos e antropólogos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) continúan a traballar no cemiterio parroquial de Bértoa (Carballo) na búsqueda dos restos dos catro coruñeses asasinados polos franquistas en setembro de 1936, e que foron soterrados nunha fosa común nesta necrópole.

Na segunda xornada, os técnicos ampliaron o ámbito da escavación e profundizaron na mesma, e este mércores, se a climatoloxía o permite, teñen previsto continuar, segundo confirmou Carmen García-Rodeja, voceira da ARMH.

Ata o momento, “atopáronse restos óseos, pero moi dispersos, e nós o que buscamos son esqueletos máis ou menos completos”, engadiu. Non obstante, todos os achádegos están sendo debidamente documentados “e non se toca nada, senón é o que estamos buscando”.

A dispersión dos restos achados é debida as obras de ampliación do cemiterio anos atrás. Este xoves farán novas catas “noutra das zonas que contemplábamos como posible emprazamento da fosa común, e en función dos resultados, decidirase se continúan os labores”, indicou Carmén García.

Á espera de que os traballos dean o froito esperado, que é a localización e exhumación dos corpos de Juan Boedo Pardo, Francisco Miguel Fernández, Andrés Pinilla e Pedro Pinilla, a voceira da ARMH subliñou a “gran colaboración que estamos a ter, tanto por parte da veciñanza coma do Concello de Carballo”. A este respecto, sinalou que varios veciños de Bértoa “achegáronse estes dous días ata o cemiterio para colaborar, tanto con nós, ofrecéndonos datos e a información da que dispoñen, como para arroupar os familiares de Juan Boedo, que están aquí seguindo os labores”. Ademais, a familia de Francisco Miguel Fernández, que está afincada en México, “enviounos varias mensaxes de apoio dende alá, algo que agradecemos moito”, afirmou Carmen García-Rodeja.

Tamén están en contacto cos achegados de Andrés e Pedro Pinilla, aos que non poideron localizar ata a véspera do inicio da escavación. “Aínda o están asimilando, porque eles descoñecían que os corpos dos seus familiares foran soterrados neste cemiterio”, engadiu. A voceira da ARMH subliñou que esta familia viviu en setembro de 1936 un drama, “pois mataron o pai e tres fillos, dous deles un par de días antes”.

Os catro que tentan localizar na necrópole de Bértoa eran veciños da Coruña, que foron secuestrados e asasinados por pistoleiros franquistas. Os seus corpos foron atopados o día 29 de setembro de 1936 no Campo de Morgade, en Queo de Arriba (Bértoa). Agora agardan atopar os seus restos para poder darlle unha sepultura digna.