Buscan a catro asasinados en Carballo

O obxectivo é exhumar os restos de Juan Boedo Pardo, Francisco Miguel Fernández Díaz, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete, cuxos corpos foron atopados con feridas de bala o 29 de setembro de 1936

Traballos de búsqueda e exhumación dos restos no cemiterio parroquial de Bértoa, en Carballo

Traballos de búsqueda e exhumación dos restos no cemiterio parroquial de Bértoa, en Carballo / armh

Un equipo de antropológos e arqueológos voluntarios da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) comezaron este martes os labores de búsqueda dos restos de catro veciños da Coruña que en setembro de 1936 foron asasinados por pistoleiros franquistas. Os seus corpos foron soterrados no cemiterio parroquial de Bértoa (Carballo), e os traballos céntranse nunha fosa común da referida necrópole.

Carmen García-Rodeja, voceira da ARMH en Galicia, confirmou que os traballos comezaron a primeira hora da mañá, retirando mecanicamente a primeira capa de terra, para despois continuar os traballos manualmente. Os técnicos están a realizar varias catas na zona que, supostamente, se atopa a fosa común, se ben non teñen a certeza de que os restos poidan estar nese lugar “porque o cemiterio foi obxecto de varias reformas”, afirmou. Polo momento, non houbo resultados, pero está previsto que os traballos continúen na xornada do mércores.

O obxectivo é exhumar os restos de Juan Boedo Pardo, gasista e veciño de San Cristovo das Viñas (A Coruña), que foi asasinado cando tiña 28 anos, xunto con Francisco Miguel Fernández Díaz, pintor, ilustrador, libreiro e crítico de arte, de 38 anos; Andrés Pinilla Fraga, conserxe do Colexio Notarial, de 52 anos; e Pedro Pinilla Calvete, mecánico de 21 anos. Os catro foron secuestrados e asasinados por pistoleiros franquistas, e os seus corpos foron atopados, con feridas de bala, o día 29 de setembro de 1936 no Campo de Morgade, en Queo de Arriba (Bértoa).

Segundo sinalou a voceira de ARMH, “o párroco que estaba á fronte da parroquia por aquel entón dispuxo que os corpos foran velados e posteriormente soterrados no cemiterio parroquial en caixas feitas con madeira de pino”.

A búsqueda dos restos foi impulsada a petición das familias das vítimas. “Sempre se fai así”, afirmou Carmen García-Rodeja. Contan ademais con todos os permisos, despois de que nun principio a Igrexa, que é a titular do cemiterio, denegase a autorización. O equipo que traballa en Bértoa está formado por unhas dez persoas “todos voluntarios”, entre os que hai profesionais de Cataluña e un alemán. Varios dos familiares desprazáronse a Carballo para seguir os labores.

O comezo dos traballos de búsqueda vén precedido dun longo labor de investigación e de completar todos os trámites legais. O pasado mes de febreiro mesmo se celebrou un acto informativo e de homenaxe no espazo cultural Espiral Maior Foro, de Carballo, que foi promovido pola Asociación Cultural Lumiera. No encontro participaron familiares de Juan Boedo Pardo, e deuse lectura a un texto de Sandro de Miguel, neto de Miguel Fernández.