SEGUE A POLÉMICA

Danou o escenario da Panorama o empedrado do Obradoiro?

O PP de Santiago pregunta ao Goberno do BNG quen autorizou a actuación pese ao informe "desfavorable" de Patrimonio

A alcaldesa Goretti Sanmartín afirma que "non consta" que os danos descubertos estes días na praza sexan consecuencia do tráiler da orquestra

Destrozos en el suelo del Obradoiro tras la actuación de la Orquesta Panorama

Javier Rosende Novo

A polémica arredor da actuación da orquestra Panorama na praza do Obradoiro non cesa. Dende o concerto do pasado mércores, integrado no programa das festas da Ascensión, descubríronse danos no empedrado no lugar do evento: pedras rotas e descolocadas, polo que o voceiro do Grupo popular da cidade, Borja Verea, esíxelle "ao Goberno do BNG" que dea a coñecer "o informe desfavorable de Patrimonio" así como sobre quen recae a responsabilidade de autorizar a actuación a pesares dese documento.

"Supoñemos que ese informe advertía dos danos que se podían ocasionar ao noso patrimonio", explicaba Verea en rolda de prensa no Pazo de Raxoi este luns. "Uns danos visibles" para calquera, recalcaba, "na zona de apoio do escenario, foron analizados? Son consecuencia desa actuación?". Interrogante ao que respondeu a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurando "que non consta" que así fose e recalcando que as condicións da propia praza, así como a afluencia de persoas que recibe, fan que este tipo de incidencias sexan frecuentes. A rexedora informou de que a reparación que cómpre levar a cabo será asumida "como é habitual" polo Consorcio de Santiago.

Pese a todo, o debate chegará ao próximo Pleno municipal. O PP reivindica que o Obradoiro é unha das "prazas máis importantes do mundo, non se poden autorizar eventos que danen o patrimonio", polo que a formación insiste en saber quen autorizou a actuación e se os danos son consecuencia da mesma, así como "quen vai dar explicacións e asumir as respondabilidades se a resposta é afirmativa?". "Cal é o alcance destes desperfectos?", continuaba Verea preguntándose para chegar á cuestión primordial, se o Goberno local dará as explicacións pertinentes ou "dá igual o que se faga e aquí non pasa nada?".

"O Concello, como sempre se fixo, asume a responsabilidade da programación das festas para unhas actuacións que non requiren da intervención da Comisión de Patrimonio", reiterou unha vez máis Sanmartín. A alcaldesa asegurou que os grupos políticos da Corporación municipal foron informados de todo o relativo a esta cuestión, polo que amosou non considerar necesaria a publicación do mencionado informe.

Informes, decibelios e limitación de acceso

A polémica estivo servida dende o primeiro momento. Por máis que a actuación da orquestra Panorama formase parte do programa das festas da Ascensión, o feito de que a TVG fose a transmitir e gravar o concerto do pasado 8 de maio provocou que o evento pasase pola Comisión de Patrimonio, un departamento que emitiu un informe negativo que, sen embargo, non deu nunha cancelación ou na busca dunha nova localización para o concerto. Cuestión esta última que xa provocou os interrogantes do Partido Popular, preguntándose se manter esta programación se debía á existencia dun novo documento, desta volta favorable, algo que non se pediu, pois en todo momento o Goberno local, na voz da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, afirmou que o programa das festas e os eventos organizados polo Concello non teñen a obriga de sometérense a ese informe de Patrimonio.

O que si se fixo dende o Goberno de Goretti Sanmartín foi pactar coa orquestra e a TVG unha serie de condicións: limitar os decibelios da orquestra e tamén o número de persoas que poderían acceder esa noite ao Obradoiro. Segundo Louzao, estas condicións teríanse posto enriba da mesa mesmo que non houbese informe de Patrimonio. Así as cousas, na noite do 8 de maio, a orquestra Panorama soou a 90 decibelios cando o habitual son 120, e os cinco accesos á praza estiveron controlados por seguridade privada que computaba as entradas e saídas ao Obradoiro, cuxo espazo -descontando o ocupado polo escenario- podería acoller un máximo de 10.000 persoas pero que o Concello limitou a 8.000.

A pesar de que dende o escenario, xusto no inicio da actuación, se lembrasen estes condicionantes afirmando o compromiso da orquestra -"respectamos o patrimonio", escoitouse-, o certo é que o empedrado do Obradoiro amenceu con visibles desperfectos.