A Panorama no Obradoiro: Louzao quítalle ferro ao informe de Patrimonio

A orquestra actúa este mércores á noite cuns máximos de 90 decibelios e 8.000 persoas

O PP tacha de "decepcionante" o programa deste ano

O progarma das festas comeza o mércores pero dende o sábado xa se pode gozar das atraccións

O progarma das festas comeza o mércores pero dende o sábado xa se pode gozar das atraccións / Antonio Hernández

A concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, asegurou este luns pola mañá que a intención do Goberno local era a de limitar tanto os decibelios coma a cifra de asistentes ao concerto que a orquestra Panorama ofrecerá o mércores 8 no Obradoiro, dentro do programa das Festas da Ascensión, xa antes de ter o informe da Comisión de Patrimonio. A limitación vai dar en que non se poidan superar os 90 decibelios nin as 8.000 persoas, "porque queremos que a veciñanza goce as festas e tamén coidar o patrimonio". O control de acceso á praza vaino realizar persoal de seguridade.

Louzao facía estas declaracións en resposta a pregunta realizada minutos antes polo Grupo Popular, que se interrogaba sobre se estas medidas se tomaban para obter un certificado positivo da Comisión de Patrimonio. Louzao insistiu en que a programación das festas non ten que someterse a estes informes, e explicou que neste caso sucedeu así por tratarse dunha solicitude da Televisión de Galicia, polo que aínda que integrado no programa das festas se tramitou como se fose externo.

Unha programación "decepcionante"

Os edís do Partido Popular Borja Rubio, Nerea Barcia e Adrián Villa comparecían en rolda de prensa no Pazo de Raxoi para denunciar a "decepcionante programación das festas". Barcia felicitou as comisións de festas de barrios e parroquias polo bo traballo que realizan nas súas celebracións , asegurando que terían deseñado un mellor programa que o Goberno local.

Barcia denunciou que "os barrios quedan no esquecemento e o mércores solápanse os horarios co Concerto dos 40, ás 21 horas, na Quintana e a Panorama no Obradoiro, ás 22.30" e preguntoulle ao Executivo de Sanmartín "por que non hai os tradicionais concertos de corais? E por que non se buscou unha alternativa para a actuación da Panorama?", en lugar de limitar o número de asistentes.

Sobre esta cuestión, o edil Adrián Villa esixiu que se teña un informe positivo para que se leve a cabo a actuación, no lugar de poñer limitacións. "Son unhas festas baixas en contido cultural e de concertos", afirmou, asegurando que o Concello fía a súa programación a festivais organizados por outras institucións ou iniciativas privadas, como pode ser o vindeiro Son do Camiño.

Condena póstuma para `El rey de las verbenas´

Javier Rosende Novo

Desatención da mocidade

Os concelleiros do PP denunciaron que o programa da Ascensión abandonou os Centros Socioculturais e trasladou as actividades para a mocidade a locais de hostalaría, "sen que se saiba con que criterios se decidiron os establecementos", explicaba Borja Rubio, mentres Adrián Villa puntualizaba que nesa decisión non participou Hostelaría Compostela, a asociación con maior número de socios da cidade.

Rubio tamén pediu explicacións a por que, do total de 30 grupos que ensaian no Centro Xove da Almáciga tan só un vai actuar nas festas da súa cidade. A isto responden dende Compostela Aberta alegando que co programa do Goberno bipartito "é a primeira vez que se lles dá tal oportunidade, e non é unha decisión aleatoria" senón que segue a liña de traballo que pretenden desenvolver durante o mandato. 

"No Nadal tiveron un grande protagonismo coa carpa instalada na praza Roxa, que era para grupos do centro xove, no Apóstolo tamén van ter presenza e no Banquete de Conxo tamén van estar, é dicir, moito máis que do que había", reivindican.

Acondicionamento da Alameda

O concelleiro Adrián Villa quixo denunciar durante a comparecencia de prensa en Raxoi unha serie de “problemas” que se produciron a pasada fin de semana coa chegada das atraccións á Alameda. Villa explicou que as incidencias derivaban de “problemas de limpeza viaria, e agardamos que, nesta semana que comezan os días grandes da Ascensión o goberno teña tempo de reaccionar e teñamos a cidade realmente engalanada e preparada".

Os problemas de limpeza segundo o edil do PP tamén afectan aos aseos públicos da Alameda e espera que nos próximos días se resolva e estean limpos “para toda a moita xente que veña, ou máis ben pouca, poir mor desta programación”.