Un hotel de polinizadoras para loitar pola recuperación da biodivesidade

O parque de Vista Alegre foi o elixido na cidade para poñer a andar este proxecto ecolóxico e sostible

En primeiro plano estrutura do hotel de polinizadoras no Parque de Vista Alegre

En primeiro plano estrutura do hotel de polinizadoras no Parque de Vista Alegre / Antonio Hernández

A finca Simeón, no barrio de Vista Alegre, loce dende este sábado unha estrutura de madeira con cubículos hexagonais que nos próximos días será o primeiro hotel de insectos polinizadores que teña a cidade. Trátase agora de adaptar cada unha das cavidades da estrutura con ramallos e outros restos vexetais que conviden os bichiños dos arredores, e nomeadamente as abellas, a hospedárense nel. Para aprender a facelo, o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, situado tamén no parque de Vista Alegre, foi o escenario do obradoiro ad hoc na tarde do sábado.

O obxectivo desta inicativa, promovida dende a entidade Máis que Mel, é o de contribuír á recuperación da biodiversidade de Santiago. E para iso, o proxecto non queda só en completar a mecionada estrutura (deseñada polo alumnado do Instituto Politécnico de Santiago), senón que tamén se intervirá na contorna inmediata plantado aromáticas e cercando o hotel con arbustos. 

No futuro, ademais, todo este ‘complexo hoteleiro’ para insectos complementarase con aniñadeiras e, desta maneira, fechar o círculo. Como mencionaban dende Máis que Mel, “se non hai polinizadores non pode haber flores, sen elas non hai os insectos dos que son alimento, e sen éstes tamén desaparecerían os paxaros, xa que son o seu substento”.

O proxecto de Máis que Mel, que se inaugurou agora pola proximidade do Día das Abellas -que se celebra este luns 20 de maio-, conta ademais coa colaboración do Museo de Historia Natural e o Instituto Politécnico de Santiago, a Biblioteca Pública Ánxel Casal e a Asociación de Amigos do Museo. En representación desta última interveu Xoana Pintos, que destacou en canto ao risco da merma de biodiversidade que no caso das bolboretas houbo xa unha redución de variedades que abrangue entre o 40 e o 80%.

Pintos tamén fixo referencia a que en Europa occidental, “na actualidade xa son os parques, coma este, e non os montes” as áreas cunha maior biodiversidade. Seguir traballando nestas áreas foi o compromiso do edil de Parques, Xesús Domínguez, que se referiu tamén a que a cidade conta con 1,5 milllóns de metros cadrados de zonas verdes, “uns cinco millóns de metros cadrados de superficie vexetal” é a que compón o cordón que rodea Santiago.