O PP de Santiago pídelle ao BNG que “poña remedio” á inseguridade da praza da Mercé

Imaxe da praza da Mercé remodelada, no barrio de Conxo

Imaxe da praza da Mercé remodelada, no barrio de Conxo / CEDIDA

Redacción

O edil José Ramón de la Fuente reclámalle ao Goberno local que “repense a utilidade da intervención” realizada na praza da Mercé (Conxo) e que “poña remedio á inseguridade creada para recuperar o normal tránsito de peóns”.

Segundo o Grupo popular de Santiago, o resultado da remodelación da praza “non está a ser máis seguro” por mor da elevación da cota de todo o viario pasando a ser unha “plataforma única de uso compartido” para peóns e vehículos, como consecuencia disto e da “eliminación de bolardos os coches aparcan na zona de tránsito exclusivamente peonil”, afirma De la Fuente, “polo que o que se conseguiu foi que o paso de persoas pola praza, sexa máis perigoso que antes”, subliñou.

“Non cabe máis torpeza", resalta o concelleiro popular, "posto que coa pretensión de ampliar o espazo para peóns, leváronse a cabo, unhas obras que conseguen exactamente o contrario e, ademais, con esta situación os nenos non poden desfrutar con tranquilidade da praza”.

Subliña que “é que se perdeu unha moi boa oportunidade para conseguir un maior aproveitamento da praza e de mellorar algúns aspectos que os propios veciños reclamaran no seu momento”. 

O PP denuncia tamén que ao pintar de novo o paso de peóns, limítase a el o espazo das persoas pero os vehículos “aparcan por todo” e alertan que “o pintoresco radar pedagóxico” só controla un sentido da circulación.

O concelleiro popular que, "para intervir na praza dunha forma máis racional, poderíase replantexar e modificar os espazos verdes, posto que agora lles quita espazo aos veciños, sobre todo, aos que acoden con rapaces e que poderían servir para diferenciar o espazo de tráfico e o peonil, ou a instalación dun parque infantil, marquesiñas e mobiliario urbano, xa que a praza é nun lugar habitual de encontro da veciñanza da contorna”.

“Sen embargo, cos cambios feitos polos nacionalistas o único que se conseguiu foi beneficiar aos automóbiles e incrementar a inseguridade na zona”, insistiu.