A Vía Verde e o río Anllóns vertebran a aposta provincial polo turismo sostible

A Deputación da Coruña liderará un investimento de 2,8 millóns de euros para dinamizar o rural na contorna de Compostela e Bergantiños

Os plans apostan pola mobilidade saudable, a eficiencia enerxética e a gastronomía

Conxunto de muíños da Saímia, á beira do río Anllóns, ao seu paso polo municipio de Ponteceso

Conxunto de muíños da Saímia, á beira do río Anllóns, ao seu paso polo municipio de Ponteceso / Cedida

A Deputación da Coruña aprobou os convenios coa Axencia de Turismo de Galicia para o desenvolvemento de dous novos plans de sustentabilidade turística (PSTD): o da Vía Verde Santiago-Tambre-Lengüelle, cun investimento de 1.375.000 euros e o dos Fogóns do Anllóns, dotado con 1,5 millóns de euros. Ambos desenvólvense ao abeiro do Plan de de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea- NextGeneration EU, e teñen como eixes centrais de acción fomentar a transición verde e sostible, a eficiencia enerxética, a transición dixital e a competitividade turística.

A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, impulsada pola Deputación da Coruña dentro da súa aposta pola mobilidadade sostible e a dinamización do rural, demóstrase “como unha excelente oportunidade para o turismo”, afirman dende o ente provincial. Xa está en funcionamento desde finais do ano 2022 nos municipios de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso e chegará próximamente a Santiago de Compostela, completando así un itinerario de 36 quilómetros de senda para camiñar ou andar en bici sobre as antigas vías do ferrocarril, “convertendo esta infraestrutura na maior Vía Verde de Galicia”, subliñan.

Arredor da Vía Verde e enmarcado no Plan Nacional de Turismo Enogastronómico, o plan busca impulsar este destino como unha alternativa sostible baseada no desenvolvemento dun produto turístico singular a partir da gastronomía e os recursos inmateriais vinculados ao territorio (patrimonio histórico, cultural, paisaxístico…).

Entre as actuacións previstas destacan a elaboración dun plan para evitar inundacións nos cauces dos ríos Tambre e Lengüelle, a instalación de puntos de auga e de autorreparación de bicicletas; a elaboración dun plan de sombras nas áreas de descanso, coa instalación de pérgolas axardinadas; a elaboración dun mapa virtual e unha app con recursos vinculados ao turismo gastronómico; e un plan para impulsar feiróns no que se fomenten os produtos locais, en colaboración con pequenos produtores.

Nava Castro, José Muíño e Xosé Regueira, na presentación do proxecto Os Fogóns do Anllóns, no salón Fitur, de Madrid /cedida

Nava Castro, José Muíño e Xosé Regueira, na presentación do proxecto Os Fogóns do Anllóns, no salón Fitur, de Madrid /cedida / J. M. RAMOS

O orzamento do plan de sostibilidade da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle inclúe tamén 300.000 euros para financiar parte das obras do derradeiro tramo da vía, que conectará Santiago e Sigüeiro.

Pola súa banda, o proxecto dos Fogóns do Anllóns é un plan estratéxico para impulsar o turismo sostible na comarca de Bergantiños e singularmente nos concellos de Carballo, Cabana, Coristanco, Ponteceso e A Laracha. Está concibido para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible, e para cumprir cos catro eixes transversais que os fondos Next Generation esixen para acceder ás súas axudas.

En canto ao primeiro eixo, a transición verde e sostible, Os Fogóns do Anllóns prevé, entre outras accións, a creación dunha rede de miradoiros e doutros espazos novos para usar como praias fluviais e tamén eliminar as especies invasoras nas beiras do río e os seus afluentes.

No relativo ao segundo eixe, a mellora da eficiencia enerxética, ao abeiro do proxecto crearanse servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas, mesmo en restaurantes, e, sobre todo, apostará polo sendeiro do Anllóns, nuclear do proxecto, de 53 quilómetros que transcorren pola Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.

As accións de transición dixital irán orientadas a explicar —con realidade aumentada e códigos QR— a gastronomía local ou a deseñar aplicacións nas que consultar todo o relacionado co proxecto.

No referente á competitividade turística, o proxecto buscará o embelecemento de restaurantes, incentivando que conten con louza e manteis elaborados na zona. Tamén se potenciarán as feiras e deseñaranse rutas gastronómicas que aposten polo produto local, de quilómetro 0.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, asegurou que as diferentes actuacións proxectadas serán impulsadas “de inmediato”, co fin de que comecen a executarse no que resta de ano e ao longo de 2024 “para empezar a certificar no primeiro trimestre de 2025”.

Asegura que “está todo perfectamente definido, tan só faltaría elexir a ubicación exacta dalgúns elementos, e polo que respecta á configuración dunha marca de calidade da gastronomía local, correrá a cargo dunha secretaría técnica”. Regueira agarda que, como a maioría das actuacións proxectadas foron xa tratadas con Turismo de Galicia, se poidan axilizar as preceptivas autorizacións doutros organismos.

Na Costa da Morte tamén está en fase de desenvolvemento o esperado Parque do Megalitismo, liderado igualmente pola Deputación da Coruña. A este respecto, Xosé Regueira asegura que xa está rematado o proceso de taxación de todos os dolmens e o plan para a súa expropiación, que deberá executar cada concello, aínda que se optará, no caso de ser posible, por pechar os procesos de adquisición de mutuo acordo.

Vinte e dous concellos

En total, a Deputación da Coruña lidera catro Plans de Sustentabilidade Turística, que se desenvolven en 22 concellos da provincia e que supoñen un investimento de preto de 6 millóns de euros ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea - NextGeneration EU.

Así, ademais dos Fogóns do Anllóns (1,5M€) e Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle (1.375.000€), tamén están en marcha o PSTD Xeoparque do Ortegal (1,5M€) e PSTD Fragas do Eume (1,5M€). O obxectivo é dar un pulo importante ao turismo, que representa un 11% do PIB e emprega máis de 70.000 persoas.