Sete medallas para estudantes da zona no sétimo Galicia Skills

A Estrada, Cee, Lalín, Melide, Carballo e Ponteceso acadaron 3 ouros e 4 pratas

Os gañadores competirán no torneo nacional

Nerea Cernadas, do IES Agra de Raíces, gañou a medalla de ouro / I. A. R.

Nerea Cernadas, do IES Agra de Raíces, gañou a medalla de ouro / I. A. R. / josé m. ramos

Sete estudantes de A Estrada (2), Cee, Lalín, Melide, Carballo e Ponteceso obtiveron outras tantas medallas (tres de ouro e catro de prata) no sétimo campionato de Formación Profesional Galicia Skills, celebrado esta semana en Silleda,

Tres desas medallas foron para alumnos da Costa da Morte. Nerea Cernadas, de 17 anos e alumna do IES Agra de Raíces, de Cee, acadou o ouro na especialidade de coidados auxiliares de enfermería e atención sociosanitaria. “Está chamada a ser unha brillante técnica da especialidade que actualmente estuda desenvolvendo as prácticas correspondentes de segundo curso”, afirma o vicedirector do instituto ceense, Fernando Casanova.

Tamén obtivo a medalla de ouro Borja Martínez Vázquez, do IES Eduardo Pondal, de Ponteceso na especialidade de reparación de carrozaría, namentres que Gonzalo Cancela Mariño, do IES Isidro Parga Pondal, de Carballo, fíxose coa prata no ciclo de administración de sistemas en rede.

A lista de galardoados complétana Iago García Parrado, do IES de Melide, cunha medalla de ouro na especialidade de ebanistería; Daniel Míguez Vidal, alumno do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, de A Estrada, que acadou a prata na categoría de carpintería; Pedro Saco Buceta, do IES Ramón María Aller Ulloa, de Lalín, quen se fixo co prata na especialidade de desenvolvemento web; e Brais Fernández Rial, do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, da Estrada, que obtivo a prata en ebanistería.

Os gañadores representarán a Galicia nas respectivas especialidades no campionato nacional.

Subliñar que no caso do IES Agra de Raíces, de Cee, Nerea Cernadas tomou o relevo de Andrea Castreje, tamén alumna do centro, quen foi a gañadora na mesma especialidade no campionato de 2022.

O vicedirector do instituto, Fernando Casanova, asegura que o ciclo de Coidados Auxiliares de Enfermería que se imparte no IES Agra de Raíces “é un dos máis solicitados da Formación Profesional, xa que permite atopar traballo en múltiples ámbitos, tanto en centros e organismos públicos e privados”. Neste curso 2023-24 contan con 28 alumnos e alumnas matriculados en primeiro e 17 en segundo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no acto de entrega de premios e destacou en Silleda “o magnífico sistema da FP que ten Galicia, froito da aposta da Administración, os centros educativos, o profesorado, as empresas e as familias”. Subliñou que “esa revolución da FP que comezamos hai uns anos está agora na súa máxima potencia e o que queda por diante é unha revolución intelixente”.

TEMAS