Licitada a segunda fase das obras para mellorar outros 8 quilómetros da vía que une Noia e Boiro

Valentín González visitou a renovación integral da rúa noiesa Anxo Senra, que inclúe unha pequena praza e beirarrúas

Pola dereita, Santiago Freire, Valentín González e varios concelleiros na rúa Anxo Senra

Pola dereita, Santiago Freire, Valentín González e varios concelleiros na rúa Anxo Senra / deputación da coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este luns Noia para comprobar de primeira man algúns dos investimentos realizados pola entidade provincial no municipio no eido social e no das infraestruturas.

Acompañado do alcalde, Santiago Freire, o presidente provincial desprazouse á rúa Anxo Senra, onde a Deputación está a executar un proxecto de renovación e acondicionamento do espazo, cun investimento de 215.000 €. Con esta obra preténdese crear un aspecto máis humanizado e accesible. No acceso da rúa crearase unha pequena praza para poder incluír un espazo verde con magnolias, reorganizarase o aparcamento, executaranse unhas beirarrúas novas e colocaranse bases para as árbores ao longo das mesmas.

Dos 11,5 millóns que a Deputación investiu en Noia, 6 corresponden ao Plan Único, que financiou máis de 30 obras e servizos públicos no municipio, como a reforma desta rúa.

Formoso e Freire achegáronse tamén ata a estrada DP-1105, que conecta Noia con Lousame e Boiro. A primeira fase do proxecto, que xa está executada, realizouse nos primeiros 5,5 quilómetros do vial e contou cun investimento de máis 606.000 €.

A segunda fase, que xa está a punto de ser adxudicada unha vez rematado o proceso de licitación, ten un orzamento de 923.074 € e continuará a renovación ata o quilómetro 13.

Trátase dunha conexión estratéxica que enlaza Boiro, Noia e Lousame, situada nunha zona moi concorrida de tránsito rodado e con continuo movemento os 365 días do ano e que supón a saída do Barbanza, tanto en dirección norte como cara a provincia de Pontevedra.

Formoso destacou que a Deputación coruñesa está disposta a mellorar distintas estradas da súa titularidade na zona máis urbana do municipio para deixalas totalmente acondicionadas e transferilas posteriormente ao Concello noiés.

A xornada rematou coa visita á Asociación A Misela, que presta atención a máis de 100 persoas con discapacidade de todas as franxas de idade de distintos concellos da comarca do Barbanza e que conta con 30 anos de experiencia á hora de fomentar a autonomía persoal e a mellora de vida dos seus usuarios.

“Durante o ano 2023 destinamos 44.000 euros a financiar os gastos desta asociación, como pizarras electrónicas, material deportivo e ferramentas para os obradoiros de horticultura, entre outras, que facilitan a actividade deste centro social”, engadiu o dirixente provincial.

González e Freire estiveron acompañados das deputadas provinciais de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e Servizos Sociais, Mar García Vidal, e polos concelleiros Francisco Pérez, Sandra González, Laura Salgado, Ricardo Suárez e María Insua.