Galicia executa plans de xestión en 9 zonas fluviais con risco de inundación

Estas medidas suman 100 millóns, dos que a Xunta vai pór uns 47

Desenvólvense nas contornas dos ríos Umia, Ulla-Sar, Anllóns, Campeda, Fontecova, Trasposta, Baliña, Groba e Lagares, cuxas crecidas afectan a 14 concellos

Pola esquerda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a conselleira Ethel Vázquez, onte xunto ó panel colocado xunto ó río Anllóns

Pola esquerda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a conselleira Ethel Vázquez, onte xunto ó panel colocado xunto ó río Anllóns / xunta

A Administración autonómica, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver os plans específicos de xestión en nove zonas fluviais con maior risco de inundacións.

Trátase das contornas dos ríos Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Bahíña e Groba, en Baiona; e Lagares, en Vigo.

A Ponte Maceira onte, co paseo e os muíños asulagados, á dereita / ECG

A Ponte Maceira onte, co paseo e os muíños asulagados, á dereita / ECG / suso souto-m. manteiga

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e concellos, para minimizar o risco das enchentas.

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, e o ano pasado foi o primeiro organismo de conca de España en aprobar o seu Plan de Xestión do Risco de Inundación 2021-2027.

Esa planificación identifica as zonas da demarcación cun maior grao significativo de influencia de cambio climático en relación coa meteoroloxía e o uso do solo. O mencionado plan deseña un programa de medidas que requiren dun investimento de máis de 100 millóns de euros, dos cales preto da metade son achegados polo Executivo autonómico (en concreto, 47 millóns de euros).

Os Orzamentos da Xunta para 2024 recollen partidas por valor de máis de 8,7 millóns de euros para executar no conxunto de Galicia diversas actuacións de preservación dos recursos hídricos, os seus ecosistemas e protección fronte a inundacións. Ademais, é fundamental a concienciación, polo que a Xunta vén traballando en dar a coñecer estes episodios naturais, coa sinalización das áreas con risco potencial significativo de inundación na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Así, por exemplo, Carballo conta dende este martes coa sinalización necesaria para que os seus habitantes e visitantes dispoñan desta información, ao igual que terán todas as zonas de especial risco. Tamén se prevé seguir sinalizando as distintas zonas, continuando, previsiblemente, por Ponteceso e Bueu.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este martes Carballo, acompañada da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e do xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, para clausurar a xornada sobre a xestión das inundacións no contexto local a través da planificación, a divulgación e a concienciación. Nese acto, a conselleira destacou que os Orzamentos da Xunta inclúen unha partida de 5,4 millóns de euros para completar o plan destinado a reducir o risco de inundacións na bacía do río Anllóns, en Carballo. Neste municipio xa se rematou a execución dun bypass na zona de Muíño do Quinto, para mellorar a capacidade hidráulica do río, abrindo un canal alternativo que permite derivar caudal en períodos de crecida. Ademais, estase a ultimar a remodelación integral do parque de San Martiño coa construción dun muro de contención, e axiña comezará a remodelación da ponte da rúa Fomento e ponte da rúa do Sol, que inclúe a demolición dun edificio que invade o cauce do río e a creación dunha canle de augas altas.

Ethel Vázquez dixo que estas intervencións complétanse coa obra de mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace da AG-55 e a AC-552 na rúa da Cepeira, en Sísamo, por un importe de 1,24 millóns de euros e que se atopa en fase de contratación. Asimesmo, fixo fincapé en que, ademais de planificar e actuar no río Anllóns, “é fundamental a divulgación e concienciación, polo que a Xunta vén traballando en dar a coñecer estes episodios naturais, coa sinalización das áreas con risco potencial significativo de inundación na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa”.

Nesa liña, subliñou que dende onte Carballo conta coa sinalización necesaria para que os seus habitantes e visitantes dispoñan desta información, ao igual que terán todas as zonas de especial risco. Tamén se levará aos centros escolares desta contorna a educación sobre a importancia dos ríos e a necesidade de respectalos. Así, concienciarase aos rapaces sobre a necesidade de manter o bo estado das masas de auga ou de facer un consumo responsable.

A Ponte Maceira

Outros lugares onde as inundacións adoitan chegar ata as vivendas son a localidade de A Ponte Maceira (entre Ames e Negreira) e Valga. No primeiro caso, os muíños da beira barcalesa aparecen cubertos pola auga a maioría dos invernos e datas cercanas, chegando a entrar nalgunhas das casas dunha contorna declarada Ben de Interese Cultural.

Neste caso, contan coa proximidade do embalse Barrié de la Maza, do que botan man para aliviar a situación cando o nivel do río Tambre sobe demais. O problema son os bancos marisqueiros que existen na ría de Muros-Noia, onde remata toda esa auga doce letal para os bivalvos.

Valga

E no que atinxe a Valga, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou este verán por 330.431 euros as obras para a mellora do espazo fluvial do río Louro, no tramo comprendido entre a estrada autonómica PO-548 e a vía do ferrocarril.

A iniciativa forma parte das actuacións para minimizar o risco de inundacións que se desenvolverán en distintas zonas de Valga e recollidas no plan de xestión dos ríos Ulla e Sar. O proxecto adxudicado consiste na mellora da capacidade hidráulica do curso fluvial, nunha zona na que a presión sobre a canle se ve aumentada polas edificacións e áreas de cultivo das inmediacións, que deixan pouco espazo ao río.

Para resolver esta problemática, que provoca asolagamentos en épocas de choivas, executarase un encanamento de aproximadamente 800 metros, comezando uns 50 metros augas arriba da estrutura baixo a estrada PO-548 e ata a liña do tren.